www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 15 de Outubro de 2019

Natureza e arte na mostra de Alba Casanova
Cultura • 21/09/2011
Autor: Ana Prieto

A súa nai díxolle desde nena que tiña "Paxaros na testa", e ese é o título dunha colección de obras que a artista redondelá Alba Casanova expón no Multiusos da Xunqueira. O seu traballo multidisciplinar mistura a pintura e o debuxo con materias como o fío ou elementos vexetais, que nos ofrecen imaxes poéticas e subxectivas.


A exposición "Páxaros na testa" de Alba Casanova ofrece un total de trinta obras nas que a artista, afincada en Valencia, xoga cos procesos dixitais que logo traballa mediante collage, pintura ou incorporando elementos da natureza como follas, ou outros materiais como o fío. O título da colección débello á súa nai, que desde nena sempre lle dixo esa frase, polo seu carácter artístico e creativo. Casanova define este traballo como "subxectivo", e recoñece que nel existen temas recorrentes da súa obra como a natureza ou a figura da muller, sempre desde unha perspectiva poética. A súa obra é interdisciplinar, xa que traballou en diferentes campos como a videoarte, a performance, a teoría das artes ou o collage. Realizou ademais diferentes cursos con artistas de renome como Mariña Abramovick ou Ester Ferrer e participou en numerosas exposicións en España, Arxentina, Chile, Venezuela, Francia, Portugal ou Alemaña. A mostra do Multiusos da Xunqueira pode visitarse ata o 28 de Setembro.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: