www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 4 de Abril de 2020

Medio Ambiente anima ós veciños a participar na xornada de limpeza do río Alvedosa
Sociedade • 28/09/2011
Autor: Ana Prieto

Redondela participa por vez primeira na limpeza simultánea de ríos galegos que organiza ADEGA xunto coa Consellería de Medio Ambiente, Augas de Galicia e o Ministerio de Medio Ambiente. Será o domingo, de 10.00 a 13.00 horas, e ten como obxectivo non só recoller o lixo do río, senón tamén concienciar á sociedade da importancia de coidar os espazos fluviais. Desde o Concello de Redondela animan a todos os veciños a apuntarse a esta iniciativa de voluntariado.


Este domingo celébrase unha xornada de voluntariado de limpeza no río Alvedosa, dentro do "Proxecto Ríos" de ADEGA, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, xunto coa Consellería de Medio Ambiente, Augas de Galicia e o Ministerio de Medio Ambiente. É a primeira vez que Redondela participa nesta iniciativa, que este ano ten o lema "Móllate polos ríos", ó que se suman un total de 31 Concellos. Trátase dunha xornada na que moitas persoas voluntarias se reúnen para recoller o lixo que atenta contra os ecosistemas fluviais e contribúen así a conservar a biodiversidade e a beleza das paisaxes. Miguel Ángel Álvarez, concelleiro de Medio Ambiente, anima a todos os veciños a participar, non só para recoller o lixo que degrada o río e o seu entorno, senón tamén para concienciar á sociedade da importancia de "coidar e conservar" os espazos fluviais. O punto de encontro será a Casa da Torre, e formaranse varios equipos. As tarefas de limpeza iniciaranse ás 10:00 horas e rematarán ás 13:00, e consistirán na eliminación dos residuos presentes no río e o seu contorno. As persoas interesadas deberán apuntarse previamente no Concello, na Oficina de Turismo, no teléfono 986.400.300 ou no enderezo electrónico medioambiente@redondela.info.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: