www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 20 de Setembro de 2019

Os camións, protagonistas dos últimos accidentes na N-555 e na N-550
Sucesos • 10/09/2009
Autor: Lorena Otero

O último dos sucesos acontecía pouco despois das 7.30 desta mañá cando un vehículo e un camión colidían na N-555.


Xa son tres os accidentes que se rexistraron en Redondela no que vai de semana onde se ven implicados camións. O primeiro dos sinistros acontecía na xornada do luns cando un camión cisterna se precipitaba por un desnivel de cinco metros mentres limpaba a calzada da estrada N-555. O vehículo remataba riba dun galpón situado no número dous do barrio do Pregal en San Estevo de Negros, a causa do accidente a dona da casa resultaba ferida leve e varios animais que se atopaban na instalación falecían.


Hoxe outro camión viuse implicado nunha colisión nesta mesma estrada, na N-555, pouco despois do quilómetro seis. O accidente acontecía aproximadamente ás 7.30 horas desta mañá cando un Opel Astra tentaba adiantar a un camión cisterna. Os dous vehículos circulaban dirección Redondela cando colidían frontolateramente. Non temos que lamentar feridos pero si danos no coche e no camión. Ambos saíronse da vía tentando esquivar o impacto.


O outro sinistro acontecía na mañá de onte na estrada N-550 a altura da parroquia de Cesantes cando un coche e un camión chocaban por alcance, por causas que se descoñecen. O suceso aconteceu ás 7.30 horas nas inmediacións do colexio Outeiro das Penas en dirección a Pontevedra. A causa do impacto a conductora do vehículo resultou ferida leve e foi trasladada nunha ambulancia a un centro médico. Ata o lugar dos feitos achegouse a policía local de Redondela, unha patrulla da Garda Civil e unha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: