www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 9 de Agosto de 2020

Vitoria contundente do PP en Redondela e debacle do PSOE con 2.388 votos menos
Política • 21/11/2011
Autor: M. X. Queimaliños

Os populares incrementaron notablemente o número de apoios logrando 7.781 votos (806 votos máis que nas últimas xerais de 2008) pero máis contundente se cabe foi a caída sufrida polo PSOE que pasou das 8.253 papeletas a tan só 5.865, o que quere dicir que 2.388 votantes decidiron castigar a política desenvolvida polos socialistas nos últimos anos. Malos resultados tamén para o BNG que tivo que contentarse co 12% dos sufraxios, o que se traduce en 2.099 votos, 181 votos menos respecto das últimas eleccións.


Pola contra, duplicouse o número de votantes que confiaron en Esquerda Unida, unha formación que logrou en Redondela 951 votos, mentres que UPyD conseguiu 182 papeletas e 167 persoas decidiron apostar pola formación Equo, que se presentaba por primeira vez a unhas eleccións.


No caso redondelán é destacable tamén o incremento do voto nulo, que practicamente duplicouse, pasando de 179 a 335.


Estas eleccións xerais déixannos un resultados moi semellantes no resto dos concellos da comarca, cunha clara vitoria para o PP, caída dos apoios para PSOE e BNG e un maior número de votantes que optan por deixar a súa papeleta en mans de Esquerda Unida.


Mención específica merece o concello de Fornelos de Montes, un dos poucos municipios con goberno socialista que viu como a xornada electoral de onte daba a volta a un resultado que tradicionalmente deixaba a vitoria en mans do PSOE.


Houbo este 20-N practicamente un empate técnico con 517 votos para o PP e 507 para o PSOE, pero está claro quen foi o derrotado se estes datos os comparamos cos resultados do 2008 cando o PSOE acadou 707 votos e o PP quedou moi lonxe desa cifra con 373. O BNG pola contra mantense con 121 votantes.


En Soutomaior non houbo sorpresas, o PP foi a forza máis votada con 2.209 votos seguidos moi de lonxe polos socialistas con 937 votantes e o BNG con 729, que parece que neste caso si lograron apañar a algún votante descontento do PSOE. IU tamén sobe notablemente pasando de 51 votos a 136.


Por últimos botamos unha ollada aos resultados de Pazos de Borbén que deixan a vitoria en mans dos populares con 1.203 votos, seguidos dos socialistas con 337 e o BNG que logra 252.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: