www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 9 de Agosto de 2020

Os fúranchos queren abrir ata o 31 de agosto
Sociedade • 21/11/2011
Autor: M. X. Queimaliños

Unha petición que a Asociación de furancheiros de Redondela confía en que sexa recollida no novo decreto da Xunta que regula este tipo de establecemento tradicional.

A asociación, que engloba a 37 produtores do municipio, reunirase en breve cos responsables municipais, que son quen deberán aplicar e controlar que se cumpra a ordenanza elaborada polo goberno galego.


Redondela é un dos 21 municipios de toda Galicia onde a normativa permite abrir fúranchos. O novo decreto retira este tipo de locais da hostalaría e trátaos como actividade tradicional. En base a esta normativa os fúranchos poderán ofrecer aos seus clientes unha serie de tapas, ata un máximo de seis a elixir entre unha relación de once, que serán as que se acorde en cada concello. En Redondela o presidente dos furancheiros, Fermín Alonso apuntaba como as máis comúns a tortilla, pementos, orella, zorza e empanada.


Con todo, a demanda principal por parte dos adegueiros locais fai referencia ao período no que se lles permite ofrecer os seus excedente de viño. Ata o de agora podían abrir durante tres meses a elixir por cada furancheiro entre o 1 de decembro ata o 30 de xuño. Con todo, en Redondela a actividade tradicionalmente desenvólvese ao aire libre polo que o período máis axeitado para abrir o furancho sería na época de verán. Por este motivo demandan que se lles permita ampliar ese período ata o 31 de agosto.


Este ano os excedentes son especialmente importantes, xa que a colleita foi moito máis abundante que en anos anteriores. Apuntaba tamén Fermín Alonso que a calidade é moi boa en viño branco e máis que aceptable no tinto.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: