www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 9 de Agosto de 2020

O Redondela F.S. afronta unha dobre cita ligueira esta semana contra Baiona e Cesures
Deporte • 22/11/2011
Autor: Ana Prieto

O equipo de fútbol sala de Redondela ten esta semana dobre compromiso de liga na Autonómica Sur. Mañá mércores xogarán co Baitra Baiona e o sábado reciben en Redondela ó Cesures. Será o debut do novo adestrador "Noli". O técnico confía no traballo dos xogadores para sacar adiante o campionato, aínda que recoñece que se trata dun equipo "moi novo" que ten aínda "moitas carencias" que ten que mellorar no seu xogo.


Hai escasamente dez días que Bernardino Queimaliños, "Noli", se fixo cargo do Redondela F.S. en substitución de Manoliño, que segue no club como xogador. E a estrea do técnico en competición oficial esta semana será cunha dobre cita na liga da Autonómica Sur. Mañá mércores disputarán o partido aprazado contra o Baitra en Baiona, ás 22.00 h. E o sábado continúan co encontro que marca o calendario, polo que recibirán no Pavillón Municipal de Redondela ó Cesures. Son dous rivais moi diferentes; os de Baiona, como os redondeláns, sitúanse na metade da táboa logo dun comezo de liga un tanto irregular, e suma un punto máis que o Redondela F.S cunha xornada menos. O Cesures, pola contra, é o pechacancelas da categoría. Pero a situación na táboa non é significativa para o adestrador, Noli explica que para el o máis importante é que o Redondela F.S. faga o seu xogo e mellore semana tras semana. Afirma que "calquera equipo pode dar a sorpresa", polo que el só confía no traballo dos seus xogadores.


O equipo redondelán está na metade da táboa, e o seu obxectivo é manter a categoría "sen pasar apuros". Noli asume ese reto "ilusionado" por traballar un grupo de xogadores "moi novos". Ese é para o adestrador o maior atractivo do equipo, e entende que a falta de veteranía é un problema que se pode resolver "co traballo diario". O técnico recoñece que o equipo ten "moitas carencias" a nivel de xogo, e iso é o que tentará mellorar, achegando ós rapaces todo o que el sabe "dos fundamentos do fútbol sala". Por falta de empeño non será, xa que se amosa "moi satisfeito" co traballo e o esforzo dos xogadores, que se amosan tamén "comprometidos" co club nesta nova etapa.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: