www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 14 de Novembro de 2018

Dúas xeracións expoñen as súas "Lembranzas" na Casa da Torre
Cultura • 16/09/2009
Autor: Lorena Otero

A experiencia e o clasicismo de Ramón Álvarez e a innovación e xuventude da súa filla, Nicolasa Álvarez, únense na mostra Lembranzas que se pode visitar na casa da Torre ata o vindeiro 4 de outubro.


Oito cadros son os que compoñen esta exposición onde dous artistas redondeláns, Ramón Álvarez e Nicolasa Álvarez, pai e filla, expoñen as súas experiencias a través da súa obra pictórica. Dúas xeracións unidas por unha mesma paixón, a pintura, pero con estilos moi diferentes. Dos cadros de paisaxes e animais, a lápiz sobre papel de Ramón, pasamos ás obras a óleo de Nicolasa, onde a figura humana se converte en protagonista.


Unha mostra moi heteroxénea na que destacan pola súa innovación dous cadros de Nicolasa, un polo formato empregado, un lenzo redondo de un metro de diámetro, que ten por nome Nena, e no que podemos ver a unha cativa no seu cumpreanos. A outra obra trátase dun díptico, que ten a súa orixe nunha fotografía. Un cadro en dúas partes nas que podemos ver monxas fumando.


Dous xeitos moi distintos de entender a pintura pero que se conxugan á perfección nesta mostra que se inauguraba o pasado 11 de setembro na casa da Torre baixo o nome de Lembranzas e que permanecerá aberta ata o 4 de outubro.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: