www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 9 de Agosto de 2020

A orquestra de Saxos grava "En Sax Simón"
Cultura • 17/02/2012
Autor: M. X. Queimaliños

Este é o terceiro traballo discográfico da formación, un CD no que se poderán escoitar pezas de swing e que será gravado na illa de San Simón durante os días 23, 24, 25 e 26 de febreiro baixo a dirección de Elisa Arias.


Os membros da Orquestra de Saxos do Conservatorio de Redondela gravará o seu terceiro traballo discográfico que sairá ao mercado baixo o título de "En Sax Simón". O título do cd resulta dun xogo de palabras entre saxo e o nome da Illa de San Simón, lugar onde se levará a cabo a gravación.


Durante catro días este grupo de 44 saxofonistas gravará na Illa os temas que conformarán o seu terceiro traballo. Contará ademais coa colaboración de tres percusionistas así como intérpretes invitados de clarinete, acordeón, trompeta e piano para actuar como solistas nalgunhas das pezas. Tres técnicos holandeses serán os encargados do apartado técnico.


A formación acomete este novo proxecto baixo a batuta da súa directora Elisa Arias e conta coa colaboración de José Pérez na realización de arranxos, creación de pezas e producción musical.


O repertorio escollido para esta ocasión son pezas de swing, moitas das cales inclúen fragmentos solistas. Algunhas das pezas son arranxos de clásicos deste estilo e a maioría creacións do compositor José Pérez inspiradas na estética musical deste estilo. Dende a dirección da orquestra destacan dúas pezas creadas por este compositor nas que realiza unha fusión de swing e dous temas galegos famosísimos como son "Unha noite na eira do trigo" e "Catro vellos mariñeiros".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: