www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 4 de Agosto de 2020

A Asociación contra o cancro anima a enfermos e familiares a solicitar apoio
Sociedade • 17/02/2012
Autor: M. X. Queimaliños

A incerteza e as dúbidas que provoca no paciente o diagnóstico de cancro é algo común enfermos e familiares e, precisamente, para paliar e afrontar eses medos iniciais dende a Asociación Española Contra o cancro teñen en marcha diferentes programas de acompañamento abertos a todos os que queiran achegarse. Un tema que se abordará hoxe venres nunha charla que terá lugar ás 18:30 horas na Casa da Torre.


A incerteza e as dúbidas forman parte da reacción de alguén que recibe o diagnóstico de que padece un cancro. Unha reacción lóxica que dende a Asociación española contra o cancro intentan aliviar coa posta en marcha dun programa que baixo o nome "Primeiro Impacto" tenta atender de xeito inmediato e integral as necesidades de paciente e familiares nos tres primeiros meses logo de coñecer que se padece a enfermidade.


A psicóloga Ainhoa Carrasco Estevez é unha das persoas que realizan ese primeiro traballo de acompañamento e apoio do que se falará esta tarde ás 18:30 na Casa da Torre. Unha charla na que participará tamén o cirurxián experto en reconstrucción mamaria Xosé Ramón Larrañaga.


No acto analizarase o positivo de contar con apoio psicolóxico que permita afrontar con optimismo as distintas fases da enfermidade, algo que está demostrado que axuda tamén a optimizar a eficacia dos tratamentos.


Ainhoa Carrasco anima a todas as persoas que padezan a enfermidade ou que teñan a alguén ao seu carón que estea a afrontar a doenza a que se acheguen a Asociación onde existe un amplo abano de servizos e recursos.


Poden facelo achegándose directamente a calquera das oficinas da Asociación ou a través do teléfono 986 865220, onde lles facilitarán calquera información que precisen.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: