www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

A plataforma demanda a posta en marcha do Plan de transporte público anunciado polo Concello
Institucional • 1/10/2009
Autor: M. X. Queimaliños

A plataforma cidadá solicitará información ao Concello de Redondela e a Consellería de Política territorial sobre o plan de transporte público anunciado meses atrás dende a Concellería de urbanismo. O edil Emilio González Iglesias comprometera o investimento de 75.000€ para a posta marcha dun plan de transporte na área metropolitana de Vigo que permitiría reducir o prezo do billete en practicamente un 50%.


O convenio, asinado entre o Concello e a Xunta, tiña como obxectivo fundamental mellorar a mobilidade e accesibilidade no contorno da área metropolitana e, polo tanto, proporcionar aos cidadáns un mellor servizo público colectivo, competitivo e eficiente como alternativa ao transporte privado. Para acadar ese obxectivo a medida máis salientable era a redución no prezo dos billetes que deberían aboar os usuarios e que pasarían a custar 71 céntimos o que suporía unha rebaixa de case o 50% xa que o traxecto en autobús Vigo-Redondela custa a día de hoxe 1'40 céntimos.


Nembargantes, logo de seis meses do anuncio aínda non se fixo efectivo nada de todo o anunciado polo que a plataforma ven de iniciar campaña de instancias dirixidas ao Alcalde e á Consellería nas que demanda a documentación precisa para que se coñeza o contido do plan anunciado naquela data, as razóns do seu retraso, e os prazos previstos para a súa verdadeira posta en marcha.


Con esta acción, pretenden evitar que aquel anuncio quede "noutra mentira ou promesa incumprida dos nosos representantes políticos, e se acrediten as súas verdadeiras intencións".


Dende a Plataforma Cidadá Contra a Autovía entenden que o transporte público é a verdadeira solución ós problemas de mobilidade dos cidadáns fronte "ó despilfarro e os custes sociais e ambientais das grandes infraestruturas de transporte terrestre".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: