www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 26 de Agosto de 2019

O obradoiro de emprego envía cartas para colocar aos seus 25 alumnos
Institucional • 15/10/2009
Autor: M. X. Queimaliños

A directiva do centro, no que se están a impartir cursos de albanelería, carpintería e traballo forestal, enviou un total de 350 cartas a distintas empresas de Redondela co obxectivo de lograr a inserción laboral dos seus alumnos, que agora realizan traballos de recuperación no entorno do pazo de Pousadouro.


A dirección do obradoiro puxo xa en marcha os traballos previos para a inserción laboral dos 25 alumnos que dende o mes de decembro de 2008 estanse a formar nas especialidades de albanelería, carpintería e traballo forestal, nas instalacións de Pousadouro. En total 21 mulleres e catro homes que están a piques de rematar a súa formación tanto teórica como práctica e que a partires de decembro deberán retomar a busca activa de emprego. Trátase maioritariamente de mulleres de idades comprendidas entre os 40 e os 45 anos procedentes do sector téxtil que tentarán agora acceder a sectores laborais tradicionalmente masculinos


As cartas enviadas, algunhas das cales xa recibiron resposta o que permitiu abrir un proceso de selección, perseguen que as empresas coñezan a formación coa que contan estes traballadores, a súa cualificación e as vantaxes que ofrecen. En concreto os participantes recibirán un total de 1.920 horas de capacitación técnica e profesional nas especialidades mencionadas ademais de formación en prevención de riscos laborais, medio ambiente, informática e igualdade de xénero.


O concelleiro de emprego, José García Míguez, valora moi positivamente a labor do obradoiro, non só por permitir a formación de persoas que se atopan en situación de desemprego senón tamén polos traballos que este alumnado está a realizar tanto no propio Pazo de Pousadouro como na súa contorna coa creación de espazos que se destinarán ao uso dos mais cativos.


A escola Maceiras remata en decembro o seu labor aínda que prevé continuar con novos obradoiros no futuro.  

Comentarios
O empregador
Venres 16 de Outubro de 2009 ás 02:16 horas
Un bo método para empregar a xente... Si señor!
[1-1]

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: