www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 11 de Decembro de 2019

Boa xornada para o deporte local que consegue catro vitorias e dous empates
Deporte • 19/10/2009
Autor: Lorena Otero

Tan só perderon en fútbol o Choco, en Terceira Autonómica, contra o Guía por 2-0 e en balonmán a Sar que non conseguía imporse ao líder da categoría o OAR Coruña, malia que tan só os separou da vitoria tres tantos.


 


FÚTBOL


Rexional Preferente


Choco-Sanxenxo (1-1). O Choco non foi quen de imporse ao Sanxenxo en Santa Mariña. Empate a un tanto malia que os locais foron os encargados de abrir o marcador no minuto 75 da man de Mario. Os choqueiros saíron ao terreo de xogo con moita forza e dominando o encontro, pero así como foron pasando os minutos as forzas diminuíron e cada vez eran menos as veces nas que os xogadores do Choco conseguían pasar do metade do campo. O Sanxenxo chegou a Redondela coa decisión de non deixar que lle anotaran nin un tanto realizando un xogo moi defensivo. Sería unha xogada a balón parado a que permitiría abrir o marcador a 15 minutos de que rematara o encontro. Unha falta lanzada polo choqueiro Manu Lojo foi parar á cabeza de Mario que marcaría o único tanto do Choco. Cinco minutos despois sería o xogador do Sanxenxo Juan o que igualaría o marcador . Os locais quedan con este resultado na décimo primeira posición e en principio poderán seguir sumando puntos xa que o seu rival será o último da categoría o Negreira, que polo momento só foi quen de sumar un punto ao seu marcador.


Primeira Autonómica


Arcade-Arbo (3-0). Tarde de goleada en Arcade, que lle anotou tres tantos ao Arbo. Un partido no que os locais foron os protagonistas, aínda que os xogadores do Arbo, que pelexaron durante os 90 minutos de xogo, tiveron varias oportunidades para reducir a vantaxe dos locais. Dous goles de Miki e un de Toni permitirían aos de Arcade sumar tres puntos ao seu marcador esta semana. A próxima xornada, terano máis complicado, xa que xogarán contra o Grove, con catro puntos máis que os locais e catro postos por riba.


Segunda Autonómica


Chapela-Ponteareas (1-1). Marcador igualado en Chapela, que empataba a un gol contra o Ponteareas. Un punto que suma a súa clasificación e que os deixa na oitava posición. Os de Chapela confían no partido da vindeira semana para continuar gabeando postos xa que o seu rival será o Candeán, décimo cuarto da categoría e con catro puntos menos que os locais. 


Terceira Autonómica


Pontevedra-Soutomaior (2-5). O Soutomaior continúan coa boa racha das últimas xornadas e goleaba ao Pontevedra. Sete foron os goles que se anotaron no encontro, cinco deles do equipo de Soutomaior. Unha vitoria que xa lles fai soñar con liderar o grupo 18 da Terceira Autonómica, xa que están empatados a 12 puntos co segundo, o Beluso, e tan só os separa un punto dos primeiros, o Bahía. A próxima xornada, poderían acurtar distancias, xa que xogará contra o último da táboa, o Pesqueiras.


Cesantes-Libertad (2-0)Tamén sumaba tres puntos ao seu marcador esta semana o Cesantes que lle anotaba dous goles ao Libertad. Non houbo sorpresas e como xa se esperaba os de Cesantes non tiveron problemas para conseguir unha vitoria esta xornada. Tres puntos que os deixan na quinta posición. A vindeira semana terán a oportunidade de seguir sumando puntos xa que o seu rival será o Berducido, o décimo terceiro da categoría e oito puntos menos que os locais.


Guía-Choco (2-0) Non tiña tanta sorte o Choco que perdía fronte a Guía, por 2-0. Un resultado que os deixa na cuarta posición, por baixo do Coia, o Pereiro e o Matamá. O Billar será o seu rival a vindeira semana, polo que a priori non debería ter moitos problemas, xa que é o terceiro pola cola.
 BALONMÁN


Peguform Sar-OAR Coruña (23-26) A Sar queda a tres puntos de vender ao líder da categoría. Os redondeláns non conseguiron superar ao OAR Coruña, malia que os locais non deixaron de loitar durante todo o encontro, pero os coruñeses deixaban resolto o partido 30 despois do seu comezo. 23-26 sería o resultado final do encontro que se disputaba este fin de semana na Boboneira. Deste xeito o OAR Coruña segue encabezando Primeira Nacional. O próximo encontro da Sar será contra o Puerto de la Cruz, que se atopa sete postos por baixo dos redondeláns, situados na sétima posición, e con dous puntos menos.


Cisne Prisa-Canario Catering (30-40) Mellor lle foi ao Canario, que gañaba por 10 puntos ao Cisne. Un encontro moi igualado que os de chapela sentenciarían nos últimos dez minutos de partido. As importantes baixas que rexistrou esta semana o Cisne axudaron aos locais a imporse no marcador, o que lle permitiu sumar dous novos puntos a súa clasificación e situarse no terceiro posto. Unha boa racha que poderían continuar a próxima xornada, pois xogarán contra Xixón, o cuarto pola cola.


 


 


 


 


 


 


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: