www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 15 de Outubro de 2019

Medio Ambiente convida aos veciños a participar nunha enquisa sobre a Axenda 21
Institucional • 15/12/2009
Autor: M. X. Queimaliños

Unha caixa de suxestións no Multiusos da Xunqueira recollerá, ata finais de xaneiro, as propostas dos cidadáns en torno ao urbanismo, a mobilidade, a xestión de recursos naturais ou a participación na vida municipal.


A Concellería de Medio Ambiente organiza unha exposición integrada por varios paneis que pode visitarse ata finais do vindeiro mes de xaneiro. Na mostra faise un percorrido polos problemas identificados no noso municipio dentro da Axenda 21 local así como as medidas postas en marcha dende o concello de cara a paliar ou diminuír as problemáticas identificadas.


Nesta axenda proponse traballar en varias liñas estratéxicas: o urbanismo sostible, a mobilidade, a xestión de recursos naturais, o apoio aos diferentes sectores produtivos e unha participación maior da cidadanía nas decisións adoptadas dende as Administracións.


Na exposición, ademais de resumir os problemas identificados, fálase tamén de diferentes medidas adoptadas dende a Concellería como actuacións puntuais na zona da praia de Cesantes ou referidas á mobilidade nos centros urbanos de Chapela e Redondela. Con todo, a parte máis destacable da exposición é unha caixa de suxestións na que os cidadáns poden deixar as súas opinións e propostas en torno aos temas abordados pola Axenda 21 así como avaliar o feito no municipio no último quinquenio.


A empresa Integra, encargada de asesorar ao concello no desenvolvemento da Axenda Local, ocuparase de analizar as enquisas, sacar conclusións en base ao expresado polos veciños e propoñer diferentes liñas de actuación que dean resposta as preocupacións formuladas.


A exposición que estará ata finais de xaneiro no Multiusos da Xunqueira, desprazarase a continuación ao Multiusos do Piñeiral en Chapela e posteriormente a outras parroquias do municipio.


Medio Ambiente prevé ademais desenvolver outras actividades como xornadas participativas nos IES do Concello, unha páxina web interactiva e un foro de participación sobre os recursos naturais.

Comentarios
Víctor Manuel
Martes 29 de Decembro de 2009 ás 16:06 horas
En 5 anos a Concellería de Medio Ambiente convidou aos veciños, estrictamente, a participar nunha enquisa. As conclusións, prioridades e accións a levar acabo, xa as dixire e dirixe o propio concelleiro de medio ambiente.
axenda21
Martes 15 de Decembro de 2009 ás 15:52 horas
ayer fue la presentacion de axenda 21 fue penoso
[1-2]

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: