www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 14 de Decembro de 2018

Cantos de Reis en Saxamonde
Cultura • 5/01/2010
Autor: M. X. Queimaliños

Na mañá do día do 6 de xaneiro unha vintena de mozos percorrerán a parroquia pedindo o aguinaldo acompañados polo grupo tradicional "Os rabaquetas de Saxamonde"


A Asociación Cultural "Chan das Pipas" organiza un ano máis os Cantos de Reis para que mozos e mozas da parroquia pidan o aguinaldo o día 6 de xaneiro.


O día de Reis é a primeira festa do ano e para celebralo, a Asociación Cultural Chan das Pipas de Saxamonde, como vén sendo tradición, organiza os Cantos de Reis.  Máis dunha vintena de mozos e mozas da parroquia entre os 2 e 13 anos de idade veñen ensaiando estes cantos durante as últimas semanas. Acompañados polo grupo tradicional "Os Rabaquetas de Saxamonde", os nenos e nenas percorrerán as casas dos diferentes barrios de Saxamonde cantando e bailando pedindo o aguinaldo.


Comézanse os Cantos coa copla: "De lonxe viñemos/os que aquí chegamos/se nos dan licenza/os Reises cantamos". Continúase pedindo o aguinaldo que nos tempos actuais consiste en cartos e lambonadas para os rapaces e licores para os maiores. No caso dalgunha casa ofrecer nada, hai coplas específicas como aquela que di: "Cantámoslles aos Reises/do quiquiriquí/se non nos dan nada/cagámoslle aquí". Os cativos e cativas tamén prepararon un baile de Reis que ofrecerán en cada casa.


Con esta actividade a Asociación Cultural Chan das Pipas quere reforzar o selo entre os máis mozos coas tradicións do lugar e familiarizalos, ao tempo, coa propia parroquia.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: