www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 19 de Xullo de 2019

Aqualia aplicará as novas tarifas no vindeiro recibo da auga
Institucional • 18/03/2010
Autor: M. X. Queimaliños

O goberno local, cos votos a favor de PSOE e BNG aprobou hoxe de xeito definitivo a nova ordenanza fiscal que regulará a taxa de auga e saneamento logo de rexeitar as alegacións presentadas. PP e Partido galeguista votaron en contra da modificación que "suporá un incremento global dun 24%"


Os populares reiteraron a súa negativa a apoiar unha modificación nas tarifas que aplica Aqualia porque este cambio "suporá un incremento do 24% nos recibos". Unha suba que cualificaron de excesiva" tendo en conta a  situación de crise na que nos atopamos e os problemas de moitos fogares para afrontar servizos de primeira necesidade".


Dende o PSOE, o concelleiro de asuntos económicos, Emilio González Iglesias, recoñeceu que a suba global pode superar o 20 por cento, pero puntualizou que o 58% dos fogares redondeláns pagarán menos do que viñan pagando ou continuarán pagando o mesmo, xa que coa modificación "foméntase o aforro e se gravan a aqueles usuarios con grandes consumos". Así, asegurou que máis da metade dos fogares redondeláns consumen menos de 5m3 mensuais "cantidade que están pagando actualmente".


O edil socialista criticou ao PP por "seguir políticas de incrementar o custe dos servizos naqueles concellos nos que gobernan mentres se opoñen a incremento menores nas administracións nas que exercen de oposición.


Finalmente, González Iglesias lembrou na súa intervención que a modificación no recibo ven provocada tamén pola nova directiva europea da auga que obriga a cobrar aos usuarios "so pola cantidade de auga consumida" canto ata o de agora por defecto se pagaban 30 m3 trimestrais aínda que se tivera consumido moito menos"..


A modificación, que foi aprobada no pleno extraordinario celebrado na mañá de hoxe cos votos en contra de PP e Partido Galeguista, será aplicada no recibo correspondente ao segundo semestre do ano.

Comentarios
Víctor Manuel Fuentes Viaño
Venres 19 de Marzo de 2010 ás 18:34 horas
Levamos 30 anos pagandolle a Aqualia o SANEAMENTO, principalmente en Redondela, donde a depuradora é unha instalación municipal, xestionada por unha empresa privada, mentres noutras vilas da comarca, as EDAR son da Xunta. Pagamos o sanemento, como un concepto máis repercutido na factura de Aqualia, incluso pagamos, o nada barato, "enganche" na Rede de Saneamento, empresa privada que opera na meirande parte dos municipios da comarca, membragantes a Ría de Vigo é unha das máis contaminadas, unha polos vertidos industriais, e outra precisamente polos vertidos de augas fecais, se ata resulta que existen vertidos de fecais a uns escasos 5 metros da EDAR de Redondela, se existen vertidos fecais, mesmo diante, na cara do Concello de Redondela, incluso a altura dos Xulgados de Redondela, nembargantes e unha vez máis os charlatáns do Concello, voltan a xustificar, inxustificadamente, unha suba en base ao saneamento da auga, non do futuro, senón do pasado, cando correspondía, máis ben sancionar e revocar o contrato da concesionaria, e asumir a xestión pública da EDAR.
Víctor Manuel Fuentes Viaño
Venres 19 de Marzo de 2010 ás 18:21 horas
Está claro para quen traballan os concelleiros e concelleiras do BNG e PSOE de Redondela, en exclusiva para os intereses económicos das empresas privadas, e os escuros intereses dos partidos, e ilustres figuras dos respectivos partidos políticos. Unha vez máis, através deste sistema pseudodemocrático, excluinte, non participativo, senón exclusivamente de partidos (pois os cidadáns quedamos ao marxe de toda participación información ou posibilidade algunha de modificación, censura ou sanción.).
[1-2]

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: