www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 17 de Xuño de 2019

O festival de títeres suspende a programación escolar
Cultura • 22/03/2010
Autor: M. X. Queimaliños

A reducción nas achegas económicas obrigan a suspender as representacións orientadas aos escolares e a incrementar o prezo das funcións de sala, que este ano serán un euro máis caras. O festival, que se desenvolverá do 19 ao 23 de maio, mantén o seu carácter internacional.


O recorte nas axudas económicas, sobre todo na achega de 18.000 euros que facía a Xunta de Galicia, e a limitada capacidade organizativa do festival, cuxa complexidade foi medrando nos últimos anos, obriga a suspender a programación escolar. Serán máis de tres mil escolares dos colexios públicos de Redondela e Chapela os que se vexan afectados, ao quedar reducida a programación de sala e rúa que se desenvolverá entre os días 19 e 23 de maio.


Tamén a consecuencia da diminución nas subvencións, a Asociación Xente Titiriteira, encargada da organización do evento xunto coa Concellería de Cultura, acordou incrementar o prezo das entradas, que este ano custarán cinco euros para o público en xeral e tres para os rapaces.


Con todo, dende a organización destacan sobre todo que nesta undécima edición mantense a calidade de anos anteriores apostando pola diversidade e a variedade, con espectáculos de manipulación de obxectos, monicreques de man, luva e variñas,  sombras chinesas ou marionetas de fío que chegarán a Redondela da man de compañías procedentes de todo o planeta. Así está confirmada xa a presenza de artistas de Brasil, Italia, Francia, Arxentina, India, Bélxica, Cataluña e Galicia.


Miguel Borines destaca entre as compañía deste ano aos italianos Girovago e Rondella ou a arxentina Valería Guglietti entre outros.


Haberá ademais as tradicionais actividades de animación de rúa a cargo da música de os Croquetas ou The Turre's band.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: