www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Agosto de 2019

Festa do balonmán en Chapela co derbi Canario-SAR
Deporte • 23/03/2010
Autor: Ana Prieto

O Canario Catering celebrará coa súa afección a clasificación para a fase de ascenso cun apaixonante encontro coa SAR. Un derbi que se disputará o sábado ás 18.30 en Chapela. Será o penúltimo encontro dunha liga na que os de Chapela non descartan ser campións se o At.Novás falla, xa que están a tan só un punto do líder.


1ª Nacional Masculina


 


Obxectivo cumprido. A falta de dous partidos para que remate a liga o Canario Catering xa está matematicamente clasificado para disputar a fase de ascenso á División de Honra B ó asegurarse a segunda praza. Conseguírono despois dunha fin de semana moi complicada na que, por circunstancias do calendario, tiveron que xogar dous partidos. O venres gañaron ao Calvo Xiria por 29-33 e o domingo golearon ó Base Oviedo cun resultado de 31-21. No club amósanse máis que satisfeitos con este resultado e salientan o espléndido traballo do adestrador, Fran Teixeira, que "espremeu ó máximo ós xogadores", en palabras do presidente, Manuel González Soto. E dando por boa a segunda praza, non descartan rematar a liga líderes. O obxectivo é gañar os dous partidos que quedan, e esperar que o At.Novás "pinche". E a primeira oportunidade para sumar puntos será o sábado, en Chapela, cun emocionante encontro entre os dous equipos redondeláns. O partido entre o Canario Catering e a SAR Peguform será unha verdadeira festa para o balonmán local, xa que os dous clubs teñen moito que celebrar neste final de liga. Os de Chapela a clasificación para a fase de ascenso, e os de Carlos Rey a permanencia na categoría, que xa está asegurada. Un partido complicado para os de Chapela, xa que SAR sempre é un rival "difícil", xa que nos derbis os xogadores "transfórmanse" e están moito máis motivados. Unha cita que non poden deixar pasar os afeccionados ó balonmán e que será a despedida do Canario diante dos seus siareiros nesta liga. Xógase no pavillón de Chapela, o sábado ás 18.30 horas

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: