www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 17 de Xuño de 2019

O concello sanciona a Urbaser con 3.000 euros por non limpar os colectores
Institucional • 25/03/2010
Autor: M. X. Queimaliños

A empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo deberá abonar esa multa por ter cometido unha falta grave tal e como se recolle na normativa. A unanimidade dos grupos non evitou o debate, xa que segundo o PP reclamou "responsabilidades políticas" por ter adxudicado o servizo a "unha empresa que xa incumprira con anterioridade"


A corporación municipal de Redondela aprobou onte por unanimidade sancionar á empresa Urbaser, concesionaria do servizo de recollida do lixo, por incumprimento de contrato por non manter limpos os colectores.


A unanimidade entre todos os grupos presentes na corporación non evitou que se producira un longo debate, xa que a voceira do PP, Franscisca Canal aproveitou a súa intervención para cargar contra a decisión do goberno local de conceder a esta empresa a adxudicación do servizo por un período de 20 anos "a pesar de que incumpría se xeito reiterado o prego de condicións". Entenden non PP que existen responsabilidades políticas por parte de PSOE e BNG "por adxudicar a recollida a Urbaser sen ter en conta o deficiente servizo que estaban a dar" e por non poñer en marcha a Comisión de servizos privatizados.


O voceiro do PSOE, Emilio González Iglesias lembrou que se adxudicou a Urbaser porque era a mellor oferta das presentadas e que "sería ilegal" adoptar outra decisión. Insistiu tamén en que o servizo está sendo controlado por parte do goberno "cómo o demostra o feito de que se sancionen os incumprimentos".


Dende o BNG, o concelleiro de Medio Ambiente, Carlos Pazos criticou as "xeralidades do PP" e instou a Canal a "que denuncie os incumprimentos da empresa e que o goberno actuará abrindo un expediente e resolvendo".


Urbaser deberá agora facer fronte a esta sanción, cuxa contía ascende a 3.000 euros tal e como se recolle na normativa que prevé sancións de ata 6.000 euros en concepto de faltas graves.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: