www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 15 de Outubro de 2019

Curso de voluntariado ambiental na Illa de San Simón
Sociedade • 30/03/2010
Autor: M. X. Queimaliños

Co obxectivo de coñecer diferentes vías eficaces para axudar a conservar especies, ecosistemas e paisaxes celébrase entre os días 9 e 11 de abril un curso de formación na Illa da San Simón. Para inscribirse é preciso cubrir un formulario que os interesados atoparán no enderezo electrónico www.voluntariadogalego.org




A fundación Matrix, adicada á investigación e o desenvolvemento sostible e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizan este curso de formación que se vai desenvolver entre os días 9 e 11 de abril na Illa de San Simón.


O obxectivo é impulsar a participación cidadá na conservación da natureza a través de accións desenvolvidas por voluntarios, segundo nos explicaba o coordinador da actividade e profesor de ecoloxía na Universidade de Vigo, Javier Montalvo.


Entre os contidos do curso abordaranse as accións eficaces do voluntariado na conservación da natureza a través dun curso de contidos teóricos pero tamén prácticos coa realización de diferentes obradoiros. Así, no programa inclúese un obradoiro de recursos biolóxicos e interpretación ambiental, falarase de experiencias desenvolvidas no litoral (accións desinteresadas e masivas como a limpeza das praias logo do Prestige) e de actuacións en ríos e bosques para a recuperación e conservación das especies. Analizaranse tamén enfoques ecolóxicos e participativos para a conservación.


O curso ten unha duración de 25 horas e o custe é de 10 euros. Impartirase na Illa de San Simón en horario de mañá e tarde os días 9, 10 e 11 de abril. Para inscribirse é preciso cubrir un formulario que os interesados atoparán no enderezo electrónico www.voluntariadogalego.org antes do vindeiro luns 5 de abril.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: