www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 9 de Agosto de 2020

A saúde e o emprego centran os novos obradoiros da concellería de Servizos Sociais
Institucional • 14/04/2010
Autor: Lorena Otero

Mellorar a nosa saúde a través da arte e a comunicación e proporcionarlle aos parados os medios para poder atopar emprego son os obxectivos destes dous cursos que comezarán a partir do vinte de abril e até o mes de xuño.


A vindeira semana o departamento que dirixe a nacionalista Rosa Costas pon en marcha un obradoiro de Formación para o emprego co obxectivo de facilitarlle aos desempregados as ferramentas precisas para atopar traballo e un curso de Arte para a Saúde, no que os asistentes aprenderán a mellorar o seu estado de saúde e benestar a través do diálogo e as técnicas plásticas.


O obradoiro de Formación para o emprego comezará o día 20 de abril e prolongarase ata o mes de xuño. Dúas sesións semanais nas que se afondará nas capacidades e habilidades precisas para a procura eficaz dun emprego, potenciando o crecemento e a proxección social de cada persoa. O obradoiro impartirase no Multiusos da Xunqueira os martes e xoves de 10.00 a 11.30 horas. Para inscribirse poden chamar ao número de teléfono do CIM 986 40 80 43 ou na Concellería de Servizos Socias.


Arte para a Saúde


Potenciar o estado de saúde e o benestar das persoas a través do traballo creativo é un dos obxectivos do obradoiro Arte para a Saúde que comezará o vindeiro xoves, día 22, e prolongarase até o 24 de xuño. Os participantes aprenderán durante dous meses a desenvolver a súa autoestima e capacidade de expresión e experimentarán con distintas técnicas plásticas, como a pintura, o debuxo e o modelado como ferramentas para mellorar a nosa saúde. No obradoiro tamén se promoverán espazos de diálogo e encontro. O curso impartirase todos os xoves de 16,30 a 18,30 horas, na Asociación de Mulleres Agarimo de Chapela. Para inscribirse deben facelo no local da asociación, sito na Rúa Manuel Rodríguez 1, baixo, ou no número de teléfono 679749987.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: