www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 17 de Xuño de 2019

Reclaman na Xunta a reconstrucción do peirao de Cesantes
Institucional • 21/04/2010
Autor: M. X. Queimaliños

O BNG presentou hoxe unha iniciativa no Parlamento Galego na que lle demanda á Xunta de Galiza que reconstrúa o peirao sobre pilotes e que se poñan medios a disposición da confraría para a recuperación do banco marisqueiro e do areal de Cesantes.


A deputada nacionalistas Carme Adán, considera que "o peirao necesita dunha actuación urxente para que se poidan restituír os movementos de augas e areais coa finalidade de facilitar a supervivencia dos bancos marisqueiros e do propio areal da praia de Cesantes". Para iso, defende como solución que se reconstrúa o peirao sobre pilotes.


A parlamentaria lembrou que no pasado mes de xaneiro a conselleira do Mar visitou Redondela e nun encontro con representantes da confraría de pescadores, éstes volvéronlle reclamar a necesidade de que o peirao de Cesantes se reconstrúa pilotado.


Ante esta situación, e logo de transcorridos máis de tres meses, a deputada do BNG pregúntalle á Xunta de Galiza se contempla esta actuación e de ser así, qué orzamento, proxecto e prazos manexa a Consellaría do Mar.


Ademais, Carme Adán demándalle á Xunta que poña medios a disposición da confraría para a recuperación do banco marisqueiro e para a recuperación do areal de Cesantes.


Dende o BNG lembran que durante a tramitación dos Orzamentos da Xunta para 2010 pediran a inclusión dunha partida para a reconstrucción do peirao, unha demanda que fora rexeitada polo Partido Popular.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: