www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 18 de Agosto de 2017

O C.D.Choco, rei de copas
Deporte • 8/06/2017
Autor: Ana Prieto

O equipo redondelán levantou a Copa Deputación por terceiro ano consecutivo, logo de impoñerse na Illa ao Estradense cunha goleada. Os de Marcos Montes rematan a temporada con este importante título, que xa gañaran en 2015 ante o Vilalonga e en 2016 superando ao Alondras.


Estradense 0-4 Choco


Os redondeláns foron superiores no encontro disputado a pasada noite no Salvador Otero. Un dobrete de Diego Silva abriu o camiño da vitoria para o conxunto de Marcos Montes, que culminou o seu triunfo con outros dous tantos, o 0-3 de Óscar Pérez e o 0-4 de Gándara. O Estradense, de Preferente, presentou unha defensa ben ordenada, e mesmo dispuxo de ocasións para adiantarse no marcador. Pero o Choco foi máis eficaz de cara á portaría rival. Inaugurou o marcador pouco antes do descanso. Silva superou aos centrais e Koke tivo imposible deter o seu lanzamento, perfectamente executado. Logo o meta estradense desviou o disparo de Gabi Misa. O segundo tanto do Choco, de novo de Silva, subiu ao marcador no minuto 54. Unha internada de Rober pola banda esquerda culminaba co remate do dianteiro de Tomiño. O Choco demostrou a súa superioridade e ampliou a súa vantaxe no marcador nos últimos minutos con goles de Óscar Pérez, no minuto 78, e o último de Gándara no 84. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, entregoulle o trofeo ao capitán choqueiro, Nacho Muíños, ante o xúbilo dos afeccioinados redondeláns que celebraron o triplete.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: