www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 24 de Xuño de 2017

O BNG denuncia a privatización da Illa de San Simón
Política • 12/06/2017
Autor: Lorena Otero

Os nacionalistas critican a realización de actividades con fins lucrativos por parte de empresas privadas e pídenlle á Xunta a elaboración dun plan de usos e actividades, unha programación anual e que se restrinxan todas aquelas actividades que poidan ser ofensivas para os que alí estiveron encarcerados.


O deputado do BNG, Luís Bará, reuniuse con representantes de distintos colectivos de Cesantes para trasladarlle a preocupación da formación política sobre a xestión que se está a facer da Illa de San Simón que consideran "inadecuada e pouco acorde" cun espazo que debería ser para a memoria e que entenden se está a privatizar en beneficio de empresas que están a desenvolver actividades con fins lucrativos que amosan pouca sensibilidade cos feitos históricos alí acaecidos e pouco apropiadas para un espazo catalogado como Ben de Interese Cultural situado en Rede Natura. Bará facía referencia á "Búsqueda Familiar a San Simón", unha actividade de orientación e probas para nenos que se vai celebrar o 25 de xuño cun custe de 25 euros para os adultos e 15 para os menores.


Os nacionalistas piden á Xunta de Galicia a elaboración dun plan de usos e actividades de San Simón, no que participen os concellos da comarca e asociacións, que se centre no aspecto cultural, ambiental e de recuperación da memoria. Consideran que o goberno galego debe organizar unha programación anual centrada na recuperación da memoria histórica así como denominar a illa como Illa da Memoria e promover as visitas escolares e didácticas ademais de potenciar o carácter público do espazo e prohibir todas aquelas actividades que teñan un claro interese lucrativo.


A formación tamén aposta por restrinxir todas aquelas actividades que poidan ser ofensivas para a memoria dos que alí estiveron presos e para iso consideran que se debe facer unha consulta aos familiares dos presos e as asociacións que traballan no ámbito da recuperación da memoria.


Na súa visita Bará tamén anunciou aos colectivos que este mércores debaterase no Parlamento a proposta para instar ao Ministerio de Fomento á elaboración dun plan para mellorar a seguridade viaria e accesibilidade do CEIP Outeiro das Penas de Cesantes coa construción de beirarrúas e a redución da velocidade na zona así como medidas para solucionar os problemas de estacionamento.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: