www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 21 de Abril de 2018

A praia da Punta arranca a temporada estival
Deporte • 12/06/2017
Autor: Ana Prieto

Este mes de xuño comeza oficialmente a temporada de verán, aínda que o certo é que desde hai xa máis dun mes que o público se achega ao areal de Cesantes, onde un ano máis ondea a bandeira azul. As pasadas semanas os usuarios queixábanse da falta de limpeza e mantemento, malia que o bo tempo deixaba unha gran afluencia de público na praia.


Nos últimos días a situación mellorou, comezaron os traballos de limpeza e iso "nótase", como apunta Noemí, que tan só lamenta agora "a falta de socorristas na praia". Pero non todo o areal presenta o mesmo estado. A zona que non goza de bandeira azul segue "abandonada", como denuncia Chelo, "chea de lixo e cascallos de obras". Outros usuarios como David, que se se achega á praia de Cesantes para practicar kitesurf, recoñece que nos meses de inverno o aspecto da praia é "máis descoidado", e sinala que agora a sitaución é mellor. Con todo, lamenta a "escaseza de servizos" como aseos, duchas ou fontes. No camping de Cesantes recoñecen tamén que a imaxe do areal esta semana é "moito mellor", e confían en que a temporada sexa boa para o turismo. Pero botan en falta "un mantemento máis eficaz" tanto na limpeza da praia como dos aseos.


Espazo libre de tabaco


Redondela ampliou este ano a toda a praia de Cesantes a declaración de espazo "libre de tabaco". A medida xa se probara con éxito o pasado ano nunha parte do areal, e agora exténdese a toda a zona. Unha iniciativa coa que pretenden "concienciar" aos usuarios dos prexuízos que causa o tabaco, tanto para a saúde das persoas como para o medio ambiente, polos residuos que xeneran as cabichas. Os usuarios da praia entenden que se trata dunha boa medida, malia que algúns dubidan da súa eficacia, xa que non se trata dunha prohibición, senón dunha "recomendación". Non se sancionará ás persoas que fumen, aínda que desde o departamento de Medio Ambiente confían en que sirva para concienciar á xente e reducir de forma considerable o tabaco no areal. Unha das novidades deste ano, no que as altas temperaturas marcan xa o inicio da temporada estival, malia que no calendario sexa aínda primavera.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: