www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 17 de Outubro de 2017

En Marea levará ao Parlamento a mellora da N-550 ao seu paso por Cesantes
Política • 13/06/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O deputado Marcos Cal xunto coas veciñas de Cesantes realizou un percorrido polos puntos conflitivos da localidade, aqueles que precisen de intervención polo abandono ou a mala planificación e que exemplifican en dúas demandas concretas: a mellora da seguridade vial na estrada nacional que cruza a parroquia e actuación encamiñadas a eliminar vertidos de augas residuais en puntos da contorna da praia.


Un dos puntos comprometidos de Cesantes é a estrada N550 que atravesa a localidade. Unha vía cunha enorme intensidade de tráfico e que segundo denuncian "non ten beirarrúas suficientes, faltan pasos de peóns seguros e non conta con semáforos operativos que regulen a intensidade do tráfico ou faciliten o paso dos peóns". Engaden que a estrada tampouco conta con cambio de sentidos en 4 quilómetros ademais dun problemático acceso ao CEIP Outeiro das Penas, un centro no que os autobuses escolares entran marcha atrás no recinto o que causa situacións de alto risco para os alumnos e profesores do centro.


Outro punto negro de Cesantes e a contorna da praia e a enseada de San Simón no que "a mala xestión das augas residuais provoca que os días con choiva se produzan vertidos directos de residuais nesa contorna, incluído un parque infantil próximo á praia". Tamén se está producindo unha perda progresiva de areal e a non reconstrución do peirao que existía nesta parte de Cesantes. "Os veciños levan anos reclamando a conservación desta zona da enseada e a praia que ten valor ambiental e grandes posibilidades como espazos públicos" polo que En Marea decide trasladar esas demandas ao Parlamento de Galicia.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: