www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 26 de Setembro de 2017

Afectados pola AP-9 apoian a compra do edificio ilegal de Chapela e o BNG reitera a súa negativa
Política • 6/09/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Mentres algúns colectivos da parroquia entenden que se trata dunha boa oportunidade a legalización e posterior compra deste edificio para destinalo a uso dotacional, dende a Asociación de veciños rexeitan que se adquira ese inmoble "polo elevado custe que conlevaría a súa adquisición e acondicionamento, porque a súa legalización suporía promover as ilegalidades urbanísticas e porque existen outras alternativas moito máis económicas e axeitadas". No mesmo sentido maniféstanse dende o BNG que cualifican a proposta como unha iniciativa do goberno de Javier Bas que busca o enfrontamento parroquial.


Un enfrontamento que está servido dende que esta proposta fora aprobada no Consello Parroquial co voto en contra dos grupos da oposición e o voto a favor dos colectivos que alí están representados. Entre eles a propia asociación de afectados pola ampliación da autoestrada que xustifican a súa postura por entender que se trata dunha boa oportunidade de adquirir un inmoble que daría servizo as diferentes asociacións e colectivos de Chapela. Con todo, Rafael Baltasar insiste en que "non se trata de especular, senón de valorar se o custe da súa adquisición sería viable e se a súa legalización é posible".


Unha legalización que dende a Asociación de Veciños consideran non debería aprobarse porque "suporía beneficiar a uns promotores particulares a cargo das arcas municipais".


Dende o BNG rexeitan tamén a compra do inmoble e cualifican de "covardía política do goberno de Javier Bas" o xeito en que se formulou a iniciativa a través do Consello parroquial  "propiciando así o enfrontamento veciñal".


 "Os únicos que poden asumir esta responsabilidade son Javier Bas e os seus concelleiros" engade o nacionalista Xoán Carlos González quen insiste na "oposición frontal do BNG á compra dunha edificación ilegal".


Defenden a cesión do colexio Igrexa o que suporía custe cero para o Concello e achegaría "dous mil metros cadrados útiles, máis as vivendas dos mestres e mestras que poderían destinarse as asociacións, a dependencias municipais ou mesmo a vivendas públicas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: