www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 26 de Setembro de 2017

A Garda Civil investiga dous veciños de Chapela por suposto maltrato animal
Sucesos • 7/09/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A parella investigada tiña na súa vivenda once cans que presentaban un estado lamentable. A un dos animais tiveron que amputarlle unha extremidade a consecuencia das graves feridas que tiña.  Ademais das dilixencias instruídas, que se remitiron á Fiscalía Coordinadora de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente (Vigo), o Seprona formulou varias de denuncias por distintas infraccións administrativas.


As investigacións iniciáronse logo de que unha asociación para a defensa dos animais publicara no seu perfil de Facebook o vídeo dun can gravemente ferido cuxos propietarios requerirán os servizos veterinarios para pedir a súa eutanasia, polo lamentable estado que presentaban as feridas que tiña nunha pata como consecuencia dunha suposta mordida.


A asociación iniciou unha campaña de recadación de fondos para facer fronte aos gastos dunha clínica veterinaria onde o animal se recupera satisfactoriamente, despois de sufrir unha intervención cirúrxica para amputarlle a extremidade anterior dereita.


O lamentable estado no que chegou a cadela á clínica veterinaria deu orixe a que o Seprona iniciase unhas dilixencias de oficio para identificar o seu propietario e depurar posibles responsabilidades pola suposta desatención e malos coidados que recibiría o animal.


As indagacións realizadas levaron aos Axentes ata o domicilio da propietaria da cadela, na parroquia de Chapela, onde se atoparon con máis cans vivindo nunhas pésimas condicións hixiénico-sanitarias, algúns deles con síntomas de desnutrición.


Nos anexos deste domicilio, a Garda Civil contabilizou ata once cans de distintas razas, entre eles tres exemplares considerados potencialmente perigosos, sen ningún tipo de autorización, nin seguros de responsabilidade civil. Estes tres exemplares foron retirados preventivamente e entregados no Centro de Acollida e Protección de Animais (Caan) da Deputación Provincial de Pontevedra.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: