www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 18 de Novembro de 2017

Aprender inglés ao lado da casa
Sociedade • 11/09/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Arranca o mes de setembro e reactívase a oferta formativa en diferentes materias. Unha das que parece pendente de por vida para moitos é aprender inglés. No caso dos veciños de Redondela a súa aprendizaxe pode facerse sen necesidade de saír do concello, na sección da escola de idiomas que no IES Pedro Floriani imparte os diferentes cursos de inglés dende o nivel máis básico, para aqueles que non teñan ningún coñecemento, ata o máis avanzado. A preinscrición está aberta ata o vindeiro xoves 14 de setembro.


Os beneficios de aprender un idioma son innumerables. Ademais de mellorar as funcións cognitivas ou a memoria poden ser tamén unha vantaxe comparativa á hora de atopar un traballo ou de reciclarse no mundo laboral. Unha aprendizaxe que non sempre é doada pero que ten avanzado nos últimos tempos con clases menos teóricas e máis prácticas encamiñadas a que o alumno mellore as súas destrezas á hora de comunicarse noutro idioma.


Neste sentido, a xefa de estudos da EOI de Redondela, Saray Fernández, salienta que nas clases que se imparten dende a Escola faise fincapé nos exercicios de comprensión abandonando o sistema tradicional no que se poñía o acento na gramática.


Unhas clases que se imparten dous ou tres días a semana, dependendo do horario elixido polo alumno e que teñen un custe anual de 127 euros, un prezo económico comparado con calquera academia  de inglés.


As persoas interesadas en aprender este idioma deben formalizar a súa inscrición antes do vindeiro xoves. Poden informarse na sección da Escola nas instalacións do IES Pedro Floriani en horario de tarde ou a través da páxina web www.eoidevigo.org.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: