www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 26 de Setembro de 2017

O PSOE reclama máis información sobre os trámites do Plan Xeral
Política • 12/09/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Acusan ao PP de empregar o PXOM para "remediar antigas débedas urbanísticas" en referencia aos movementos que se teñen producido en torno ao polémico edifico Puntela, na rotonda de acceso a AP-9 en Chapela. Os socialistas critican que o goberno non se reúna cos grupos da oposición e si o faga "con empresarios relacionados con diversos proxectos urbanísticos, nalgún caso de dubidoso beneficio para o desenvolvemento urbanístico do Concello".


Aseguran os socialistas que teñen solicitado por rexistro e nas xuntas de voceiros e comisións de urbanismo que se lle proporcione información relativa á redacción do PXOM, malia o cal "o equipo de goberno non proporciona dita información e nega xuntanzas co equipo redactor negando así a posibilidade de resolver as dúbidas que podan xurdir na redacción deste".


Engaden que "mentres o goberno argumenta que as xuntanzas solicitadas non se poden realizar ata que o persoal se reincorpore tralas vacacións, reúnese por outro lado con empresarios relacionados con diversos proxectos urbanísticos, nalgún caso de dubidoso beneficio para o desenrolo urbanístico do Concello de Redondela".


Critican tamén os atrasos relacionados con este proxecto "a concelleira de urbanismo Maria del Camen Amoedo, indicou publicamente varias datas de exposición dos avances na redacción do PXOM e numerosas reunións nas parroquias, sen embargo, ata hoxe non houbo ningunha reunión informativa a pesar da última promesa onde dicía que se mostrarían os avances antes de rematar o pasado mes de agosto".


Dende o PSdeG só entenden estes atrasos e ocultismo como "unha mostra máis do PP de presuntamente favorecer os intereses de certos sectores da cidadanía ou mesmo utilizar este proxecto para dar solución a antigas débedas como a legalización do edificio Puntela en Chapela", edificio que ten numerosas ilegalidades como exceso de altura e exceso de volume en todos os seus andares chegando a duplicar o volume permitido, afeccións por parte da autoestrada do atlántico, AP-9, e o soterramento ilegal do río Maceiras para dar acceso aos sotos.


Os socialistas declaran "o Partido Popular non quere levar a cabo un PXOM de consenso a pesar do que alardean nos medios de comunicación, podendo favorecer nalgún caso intereses privados por enriba do interese xeral da veciñanza".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: