www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 13 de Decembro de 2017

O PSOE esixe ao Concello que faga cumprir a normativa das terrazas
Política • 22/09/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Os socialistas aseguran que existe un incumprimento reiterado da normativa que debe regular o funcionamento das terrazas para garantir a convivencia dos locais de hostalaría e os viandantes. Denuncian que en moitos casos a colocación de mesas e cadeiras na rúa obstaculizan o tránsito peonil ou se supera a ocupación do 50% do espazo público. Critican ao goberno local por non facer cumprir unha ordenanza que foi aprobada hai máis de 4 anos sendo "a voceira do PP, María Carmen Amoedo, a primeira en incumprir a normativa das terrazas promovida polo seu propio partido".


Explican dende o PSOE que no 2013 aprobouse a ordenanza de terrazas promovida polo PP pero que despois de máis de 4 anos, dita normativa segue sen cumprirse debido á falta de control e de xestión do Goberno Municipal do PP.


A ordenanza de terrazas establecía uns mínimos para a convivencia dos locais de hostaleiros e os viandantes como: a obriga de recollida das mesas, cadeiras e parasoles ao interior do local tras o peche do local sen quedar amontoados na rúa; non obstaculizar o tránsito peonil, nin de entrada e saída de casas e locais comerciais; a prohibición de instalacións e uso nas terrazas de aparatos audiovisuais que produzan emisións acústicas de calquera tipo, a non superación de ocupación do 50% da superficie total da praza pública... Normas todas elas que "están a incumprirse , facendo que moitos veciños e veciñas trasladen as súas queixas polas molestias" segundo denuncian os socialistas. Uns incumprimentos que afectan de xeito especial a aquelas persoas que levan carros de bebés ou que teñen diversidade funcional.


Conclúen afirmando que "é entendible o malestar ante a normativa xa que existe un mal exemplo por parte do Goberno Municipal do PP coa súa propia voceira incumprindo a normativa das terrazas no seu local hostaleiro".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: