www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 13 de Decembro de 2017

O Parlamento aproba a creación de sendas verdes entre Pontevedra e Arcade e Chapela e Vigo
Política • 4/10/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O Parlamento aprobou por unanimidade solicitar a Fomento a proposta do BNG para transformar en vía peonil e ciclista a vía férrea en desuso entre Pontevedra e Arcade. Igualmente foi aprobada, a través da incorporación dunha emenda, facer este mesmo aproveitamento entre Chapela e Vigo. A iniciativa permitiría darlle un novo uso a unha vías polas que non pasa un tren dende hai cinco anos.


O deputado por Pontevedra, Luís Bará, foi o encargado de defender a proposición non de lei co fin de solicitar ao Ministerio de Fomento a reconversión en vía verde para uso peonil e ciclista dos treitos da antiga vía férrea entre Pontevedra e Arcade actualmente en desuso. Ademais, o parlamentario tamén solicitaba colaborar cos concellos de Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa, así como Redondela e Vigo e coa deputación de Pontevedra, na redacción dun proxecto construtivo e no estudo dunha estrutura administrativa para a xestión e conservación desta vía que discorre por estes concellos.


Bará explicou que a transformación desta antiga vía nunha senda verde para uso peonil e ciclista permitiría crear unha nova infraestrutura de aproximadamente 10 km, aproveitando o trazado da vía férrea agora en desuso. No caso do treito entre Arcade e Figueirido, o aproveitamento do antigo trazado sería doado xa que discorre completamente separado do novo trazado do TAV. No caso do treito Figueirido-Pontevedra caben dúas opcións: transformar en vía verde a antiga vía férrea, ou aproveitar as vías de servizo paralelas ao trazado do Tren de Alta Velocidade.


O deputado do BNG tamén se referiu a dous treitos entre Pontevedra e Vigo dos que dixo "son perfectamente reconvertibles", un entre Figueirido e Arcade con 5Km e 8Km e outro entre Chapela e Vigo.


En cinco anos, argumentou Bará, "non pasa ningún tren nin vai pasar" por esas vías, polo que é necesario dar utilidade a estes espazos con alternativas viables para a mobilidade do transporte "como a que hoxe defendemos aquí".


A vía verde permitiría aos usuarios e usuarias desprazarse dende Paredes, Arcade, Figueirido ou Vilaboa "en tempos razoables e, con bo tempo, mesmo camiñando", concluíu.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: