www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 17 de Outubro de 2017

Redondela baila por unha causa solidaria
Cultura • 6/10/2017
Autor: Lorena Otero

O pavillón da Marisma acolle este domingo a terceira edición do festival “Bailemos todos polos peques” a favor de UNICEF. Oito escolas de danza e agrupacións daranse cita neste evento solidario que se presenta baixo o lema “uns poucos facemos un moito” e que destinará todos os fondos recadados á mellorar as condicións de vida dos nenos en Níxer. Haberá un flashmob ao finalizar a exhibición coa presenza da Coca Simona. 


A Asociación Piyopi Animación organiza xunto ao Concello de Redondela a terceira edición da exhibición solidaria “Bailemos todos polos peques” en apoio a UNICEF que ten como obxectivo sensibilizar sobre os dereitos da infancia que recolle a Convención sobre os Dereitos do Neno, especialmente no dereito á saúde, a supervivencia e a importancia do acceso á auga. O evento ten unha entrada solidaria de cinco euros individual e dez euros familiar para catro persoas que será destinada á mellorar as condicións de acceso á auga, hixiene e saneamento en Níxer coa construción de puntos de auga e latrinas separadas por sexo así como apoiar o funcionamento e mantemento das instalacións.


A exhibición comezará ás 18.30 horas e contará con oito agrupacións galegas pertencentes ás academias Unidance, Artmadance-Salsarica, Odisea Factory Dance, Ballet Deborah Alfaya, Airiños de San Simón, Pandereteiras Choqueiras, Talento, Escola de Baile Miriam Pino e Karina Mores-Tango. O espectáculo rematará cun flashmob coa Coca Simona na que poden participar todos os que o desexen e cuxa coreografía xa se pode consultar na internet.


Un espectáculo para todos os públicos, que xa pasou por Vigo e Pontevedra, e que ofrecerá exhibicións de baile moi variadas que irán dende o hip-hop, salsa, moderno, até estilos máis clásicos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: