www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 18 de Novembro de 2017

Veciños do barrio de Parada pendentes dunha resposta que non chega
Sociedade • 3/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O pasado mes de maio a Asociación de Veciños de Chapela presentaba no concello unha serie de demandas orientadas a facilitar o acceso ao barrio de Parada. Unhas demandas avaladas con 130 sinaturas que foron entregadas no Concello sen que a día de hoxe, segundo denuncia o colectivo veciñal, tiveran resposta o que ao seu entender é "unha falta de respecto e consideración cara os afectados".


Veciños deste barrio, afectados pola prohibición de xiro dende a Avenida de Redondela para a entrada de acceso ao Barrio de Parada, recollían no pasado mes de maio 130 sinaturas coas que avalaban a súa demanda por recuperar dito acceso que permitiría aos residentes nos Camiños da Pomba, Parada, Leitón, Barracrista, Valeiro e o resto de camiños do barrio, efectuar o xiro a esquerda na Avenida de Redondela indo en dirección a Vigo.


No escrito trasladado ao concello pola Asociación de Veciños recollíase tamén que se prohibira aparcar na confluencia entre a Subida a Parada e o Camiño da Pomba, xa que os coches alí estacionados causan caos na zona, dificultando o xiro e a circulación e afectando á seguridade.


Finalmente solicitaban do concello medidas de mellora "nunha zona que se atopa abandonada, co asfalto deteriorado, sen servizo de limpeza, chea de excrementos de cans e cos marxes cheos de herbas e malezas".


Demandas que segundo denuncian dende a Asociación de Veciños seguen sen resposta cinco meses despois polo que volven instar ao concello a que se adopten as medidas solicitadas e que beneficiarían a uns 500 veciños da zona.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: