www.radioredondela.com | Hoxe é Venres, 20 de Abril de 2018 |
Unha exposición fotográfica promociona a Illa coreana de Jeju no Camiño de Santiago
Cultura • 8/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños Unha serie de imaxes fotográficas permiten ao visitante que accede á Casa da Torre achegarse as exuberantes paisaxes de Jeju, unha pequena illa ao sur de Corea que recibe ao redor de 15 millóns de visitantes anuais e cuxos camiños son empregados polos coreanos para prepararse fisicamente antes de facer o Camiño de Santiago. Esta exposición é unha das actividades de intercambio que Galicia e Corea desenvolven para poñer en valor os seus espazos naturais e promover turisticamente os seus territorios. A illa máis grande de Corea é un espazo natural de indubidable valor como destino turístico. Un paraíso declarado Patrimonio Natural da Humanidade e Reserva da Biosfera. Unha natureza volcánica que é ademais empregada polos coreanos para adestrarse e prepararse para facer o Camiño de Santiago, un camiño moi popular entre os asiáticos en xeral e os coreanos en particular que se achegan a esta ruta sobre todo no inverno. De feito Corea do Sur, de acordo coas estatísticas da Oficina do Peregrino do pasado ano, ocupa o noveno posto nunha lista de máis de 100 nacionalidades e o primeiro de entre toda as asiáticas. Ademais da comitiva procedente de Jeju, na inauguración da exposición estivo presente a Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro quen salientou que este intercambio serve para dar a coñecer no exterior os camiños que se fan en cada un dos países membros "un xeito de promoción turisticamente o Camiño de Santiago e de poñelo en valor fóra das nosas fronteiras". Dende o Concello, Carmen Amoedo aplaudía iniciativas coma esta que demostran a importancia que ten Redondela como punto de paso e parada par todos os que fan o Camiño a Santiago "o que supón tamén unha fonte de recursos para o sector servizos".
|
Comentarios |
|
|
Audios relacionados co artigo |
![]() Jiju serve de adestramento para os coreanos que queren facer o Camiño
|