www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 18 de Novembro de 2017

O Concurso de postais de Nadal de Soutomaior celebra a súa XVI edición aumentando os premios
Cultura • 9/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Está xa aberto o prazo de inscrición para participar no XVI Concurso de Postais de Nadal coa posibilidade de presentar os traballos a concurso ata o 18 de decembro ás 20.30 horas na Oficina Municipal de Información Xuvenil no Multiúsos de Arcade.Unha convocatoria coa que se quere promover o desenvolvemento da creatividade entre a mocidade pero tamén apoiar a participación no ámbito artístico en todas as idades.


Este concurso vai dirixido a todas as idades a partir dos 2 anos. A temática do concurso será o Nadal, cunha interpretación libre sobre o significado destas datas representadas de maneira creativa e orixinal onde se primará  a calidade, innovación, orixinalidade nas técnicas, o acabado das postais, a idea, entre outros criterios.


Haberá dúas modalidades: unha simple con 5 categorías e unha tridimensional con catro categorías. Premiaranse en cada categoría 4 postais e haberá un agasallo para todas as persoas que participen neste concurso. En total repartiranse 32 premios.


Este ano auméntanse os premios e ademais, introdúcese  un cambio co que se pretende reforzar e potenciar o comercio local en Arcade e Soutomaior. Polo que, haberá máis vales - premio e estes terán que trocarse soamente en locais comerciais do municipio.  A entrega de premios realizarase o venres 22 de decembro no Multiúsos ás 19.30 h


As persoas interesadas en participar neste concurso poden consultar as bases do Concurso en www.soutomaior.com ou en www.gabinetesoutomaior.com


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: