www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 13 de Decembro de 2017

Dous camións cisterna abastecen de auga o barrio de Asnelle de Abaixo en Reboreda
Sociedade • 22/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Dúas traídas da parroquia de Reboreda trasladaron ao Concello unha situación de escaseza importante de auga: Asnelle de Abaixo e Santo Paio de Arriba. No caso da primeira procedeuse dende o Concello a subministrar a través de camións cirterna un total de 17.000 litros de auga. En Santo Paio aínda non se adoptou ningunha medida pero estase pendente da evolución dos depósitos por se fora necesario subministrar auga aos veciños.


"Cada caso ten que ser avaliado polo técnicos para que a certifiquen que realmente existe esa necesidade e que non hai malgasto de auga, dada a situación extrema na que se atopa o encoro de Eiras" explican dende a Concellería de Medio Ambiente.


Situación ben diferentes é a que atopamos na parroquia de Cedeira, con depósitos ao 60% que garanten o subministro así como outras parroquias que tamén trasladaron unha situación non preocupante como son as parroquias de Santo Estevo de Negros, Ventosela ou o Viso.


Nalgúns casos as comunidades decidiron aplicar un novo límite de consumo ao xa adoitado hai uns meses para diminuír o gasto. Así na parroquia de Vilar pasouse de 700 litros por día e familia a 500 litros mentres que na de Cabeiro reduciuse o consumo de 1000 litros/día e familia a 700 litros.


Engade o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Angel Alvarez que "imos contactar con todas as comunidades de augas para que nos trasladen a súa situación. Con algunha delas aínda non foi posible manter unha xuntanza polo que lles pedimos que se teñen problemas de abastecemento se poñan en contacto co departamento de Medio Ambiente do Concello para dende alí valorar a situación e tomar as medidas oportunas".


Por outra banda, dende o goberno manteñen as medidas de aforro de auga ao tempo que está na procura de novos mananciais para facerlle fronte a esta seca. Ademais de prohibir o baldeo e o rego, dende hai máis dun mes, nas rúas e nos xardíns dos cascos urbanos da vila, tamén se instou aos clubs deportivos que fan uso do campo de fútbol de Santa Mariña que eviten o rego do céspede xa que aínda que conta cun circuíto de re-circulación sempre se perde parte da auga e nestes momentos non se pode desperdiciar.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: