www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 13 de Decembro de 2017

A cineasta redondelá Diana Toucedo, galardoada no Festival de Cine de Xixón
Cultura • 23/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A realizadora galega Diana Toucedo foi galardoada pola súa obra "Porto Desexado" co premio DCP De Luxe do Festival Internacional de Cinema de Xixón, destinado a obras aínda sen completar. O galardón, consistente na masterización do proxecto, valorado en 6.000 euros, foi convocado no marco da primeira edición do "Push Play Work in Progress Sesion" das xornadas "Industry days" do certame xixonés.


O xurado integrado polo xefe de programación do Instituto de Arte Contemporánea de Londres, Nico Manzano, e o codirector do Festival Cinespaña Tolouse, Loic Díaz Rolda, valorou "o potencial" do traballo presentado por Toucedo.


A acta do xurado destacou os "elementos do cinema sensorial e a respectuosa investigación sobre a loita dun barco e os seus mariñeiros" como unha mostra do "potencial" que ten o proxecto para "conseguir un retrato visualmente cegador dunha comunidade de traballadores".


Diana Toucedo editou dezaseis longametraxes e dirixiu varios curtos documentais e experimentais. En "Porto Desexado", a directora embárcase no barco pesqueiro capitaneado polo seu pai, que será a última viaxe deste experimentado mariño antes da súa xubilación. Diana Toucedo viaxou ata as xélidas augas do Atlántico sur arxentino para atopar ao capitán que foi sempre un pai ausente, avanzou a organización do certame.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: