www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 13 de Decembro de 2017

Preocupación en Soutomaior polas consecuencias do transvasamento do río Verdugo
Política • 29/11/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O transvasamento do río Verdugo para garantir o abastecemento de auga á área de Vigo aínda non ten claras as súas consecuencias, feito que preocupa no Concello. O alcalde, Agustín Reguera, remitiu persoalmente unha carta á conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Beatriz Mato, solicitando información sobre as repercusións que este transvasamento pode ter para o conxunto ambiental do río Verdugo e a ría de Vigo. Dende o BNG critican a escasa información sobre as posíbeis consecuencias que esta obra  poida ter e esixen á Xunta que protexan os bancos marisqueiros de Arcade.


O alcalde da localidade trasladou xa un escrito á Xunta no que "solicita a creación dun informe técnico para avaliar o posible impacto do descenso de caudal na flora e fauna do río Verdugo, así como as posibles consecuencias que o transvasamento tería para os bancos marisqueiros de Arcade".


Do mesmo xeito, o rexedor trasladou á conselleira o rexeitamento do Concello de Soutomaior ao trazado proposto no estudo inicial do transvasamento, que atravesaría o barrio de Aranza, "dividindo o barrio e creando unha infinidade de problemas aos veciños", explicou o alcalde, que avanzou que se convocou a todos os portavoces municipais para analizar a situación e considerar as futuras medidas.


De feito, dende o BNG xa amosaron a súa preocupación polas consecuencia que este trasvase poida ter nos bancos marisqueiros. Explica o portavoz do BNG Manu Lourenzo que nos últimos días tiveron xuntanzas e recibiron chamadas de diferentes persoas e colectivos que amosaban a súa preocupación, polo que esixirán a Augas de Galicia que é o organismo responsable da xestión das augas, que garanta a protección dos bancos marisqueiros. Ao seu entender a redución do caudal ecolóxico do Verdugo pode ter importantes consecuencias para os bancos marisqueiros xa que a redución do caudal afectaría as correntes nun ecosistema xa de por si moi agredido.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: