www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 13 de Decembro de 2017

Marcos Montes: "O Choco ten que seguir na mesma liña de traballo para non ter dificultades"
Deporte • 29/11/2017
Autor: Ana Prieto

Logo da importante vitoria da pasada xornada ante o Boiro, o equipo redondelán está a tan só un punto dos postos de "play off". O técnico advirte que os bos resultados son froito do "excelente traballo" que o equipo está a facer nos adestramentos. Afirma que o seu obxectivo agora é "sumar ante o Barbadás" e advirte que pensar agora noutras metas sería "un erro".


Cos pés na terra, así se mostra o adestrador Marcos Montes, que vive coa filosofía do fútbol "partido a partido". A vitoria ante o Boiro en Santa Mariña, grazas a un gol en tempo de desconto, permítelles manterse na cabeza da táboa, a tan só un punto dos postos que dan dereito á fase de ascenso. Con todo, o técnico non se fía, advirte que a liga é "moi competitiva" e que non deben baixar o actual ritmo de traballo que tan bos resultados lles está a dar. O obxectivo de Montes é sumar canto antes os 45 puntos que lle garantan a permanencia na Terceira División. Agora suman 30, e queren traer 3 máis do campo dos Carrís. Entende que marcarse metas a máis longo prazo non sería positivo para o equipo, xa que os distraería do traballo diario. O rival do domingo, o Barbadás, está nunha situación complicada, en postos de descenso, pero en liña ascendente. Gañou os dous últimos encontros, e dará a batalla nos Carrís, un campo moi complicado no que a estratexia do Choco será fundamental para poder acadar un resultado positivo.
Selección Galega
O Choco non poderá contar hoxe con dous dos seus xogadores para preparar o encontro, xa que están convocados pola Selección Galega. Trátase de Escobar e Lucas. O seleccionador "Pichi" Lucas, ultima a composición da selección que acudirá á primeira fase da Copa das Rexións UEFA, na que Galicia se medirá a Asturias e Cantabria en territorio asturiano do 8 ao 10 de decembro. O técnico e ex xogador disporá hoxe (16:15) en Cerceda dun último partido de preparación. Unha convocatoria que condiciona o traballo do club redondelán, malia que din sentirse satisfeitos pola presenza dos dous xogadores no combinado galego. O máis importante, para Montes, é que non se produzan lesións. Do club redondelán participan o dianteiro nigranés Antón Escobare e o defensa gondomareño Lucas Fernández. Con anterioridade, o combinado galego do fútbol non profesional mediuse en partidos de preparación a Coruxo e Rácing de Ferrol. Agora toca o Cerceda.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: