www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 13 de Decembro de 2017

Soutomaior solicita reunións con Augas de Galicia e Mar para estudar o trasvase do Verdugo
Política • 1/12/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Os portavoces de todos os grupos políticos con representación neste concello rexeitan o proxecto que formula este transvasamento a través do barrio de Aranza. Máis aló do trazado elixido para a súa canalización reclaman tamén reunións de urxencia tanto co presidente de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez e persoal técnico da Consellería do Mar para estudar as repercusións que esta actuación tería nos bancos marisqueiros de Arcade.


Os portavoces de todos os grupos políticos con representación no Concello de Soutomaior reuníronse na mañá de onte para estudar as posibles consecuencias do transvasamento do río Verdugo e establecer as primeiras liñas de actuación.


O primeiro lugar, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, procedeu a informar a todos os representantes das medidas tomadas ata o momento e que consisten en solicitar toda a información relativa ao transvasamento aos organismos competentes, así como diversos informes técnicos nos que se avalíen as posibles consecuencias.


Do mesmo xeito, informouse os membros da xunta do estudo inicial do proxecto e o seu trazado a través do barrio de Aranza, así como da decisión de rexeitar este itinerario para a canalización.


Por último, os portavoces municipais acordaron remitir dous escritos solicitando reunións de urxencia co presidente de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, e persoal técnico da Consellería do Mar que poida informar as consecuencias deste posible traslado nos bancos marisqueiros de Arcade.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: