www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 20 de Abril de 2018

A auga da traída recupera a calidade
Sociedade • 5/01/2018
Autor: Ana Prieto

As últimas chuvias permiten deixar atrás as restriccións ao consumo de auga da billa, que presentaba altas concentracións de ferro e aluminio. As últimas análises revelan que estes minerais están agora por baixo das 200 partes por billón. Miguel Ángel Álvarez, concelleiro de Medio Ambiente, garante agora que auga goza xa "de boa saúde".


O concelleiro explica que a prolongada seca e logo as chuvias torrenciais deixaron unha elevada presenza de ferro. No mes de decembro no depósito de San Esteban as análises indicaban unha proporción de ferro de 760ppb, polo que a auga non reunía as condicións que garanten a súa calidade. Grazas ás últimas chuvias a situación normalizouse, tanto no abastecemento do enconro de Eiras, que recupera a normalidade, como na calidade da auga, que agora está "dentro dos parámetros" que marcan as autoridades sanitarias. Unha vez superado o período de alerta por seca e a emerxencia polo desabastecemento, é hora de estudar solucións que eviten que esta situación volva repetirse no futuro. Álvarez Ballesteros explica que a próxima semana Augas de Galicia e os once Concellos que se abastecen do encoro de Eiras manterán unha xuntanza para traballan nun "plan estratéxico". O concelleiro entende que todos os municipios afectados deben chegar a acordos e poñer enriba da mesa solucións a medio e longo prazo tendo en conta as recomendacións técnicas. Defende que é preciso "cambiar a mentalidade tanto das administracións como dos veciños" para facer un consumo responsable da auga "ao longo de todo o ano". O polémico trasvase do río Verdugo a Eiras, promovido polo Concello de Vigo, xan non ten carácter de urxencia. Álvarez matiza que se trataría dunha "captación", sinala que sería unha solución "puntual" en caso de emerxencia, e advirte que é preciso adoptar outras medidas co consenso de todos os organismos implicados.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: