www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 16 de Xullo de 2018

O Choco remonta ante o Areas
Deporte • 8/01/2018
Autor: Ana Prieto

Partido de gran nivel xogado onte no campo de Santa Mariña entre o Choco e o Cultural Areas, que protagonizaron un encontro moi completo e no que finalmente se impuxo o que demostrou máis calidade ofensiva. en fútbol sala, na Autonómica Sur, o Arealonga goleou a Os do Val (5-1).


Terceira División



Choco 3-1 Areas


Na primeira metade dominou o equipo de Ponteareas, que tivo máis a posesión e chegou máis ao campo contrario, malia que sen demasiadas ocasións. Pola súa banda, o Choco sufriu a lesión de Pablo Couñago aos cinco minutos de partido. O Areas púxose por diante no marcador no minuto 27 cun gol de Bruno. No descanso Marcos Montes realizou o segundo troco para gañar capacidade ofensiva. Entrou Félix no campo polo central Rubén Comesaña e a formación de Redondela pasou a xogar con Comis, habitualmente mediapunta, como pivote defensivo. Montes apostaba así polo ataque, e obtivo a súa recompensa. Gabi Misa buscou o gol con dous disparos dende a frontal da área no inicio do segundo tempo, pero sen premio. O primeiro lanzamento rexeitouno o porteiro e o segundo bateu no pau. O empate chegou coa entrada de Yago Vázquez ao campo, que cabeceou á rede un saque de esquina de Misa. A continuación, o Areas tivo a opción de adiantarse de novo nunha pena máxima, pero Cortegoso detivo o lanzamento. A xogada foi determinante, porque os de Montes seguiron porfiando e resolveron o partido nos últimos dez minutos. Félix anotou o segundo gol cun disparou que bateu nun defensa e Ricar aproveitou un saque longo de Cortegoso para superar ao seu defensa e ao porteiro e sentenciar o encontro co 3-1. Os tres puntos permiten aos redondeláns situarse na sétima praza da táboa a catro puntos da promoción de ascenso, que agora ocupa o Barco. Na próxima xornada os redondeláns xogan no campo do Somozas, quinto clasificado, catro puntos por riba do equipo de Montes.


O partido de onte supuña a despedida do lateral Francisco Gándara, que deixa o equipo por motivos laborais. O club fíxolle entrega dunha camisola e unha figura do C.D. Choco ao remate do encontro.


Choco: Cortegoso, Ronald (Yago Vázquez, min. 65), Gándara, Lucas, Rubén Comesaña (Félix, min. 46), Alberto Suárez, Marcos Pérez, Gabi Misa, Comis, Óscar , Pablo Couñago (Ricar, min. 6).


Cultural Areas: Sergio, Isidro, Samu, Hugo Campos, Iván Martín, Álex Villar (José Dias, min. 59), Canhoto, Martín Ross, Roberto Pastoriza, Yelco Alfaya, Bruniño (Jorge Fernández, min. 67).


Goles: 0-1, min. 27: Bruninho; 1-1, min. 66: Yago Vázquez; 2-1, min. 80: Félix; 3-1, min. 88: Ricar.


Fútbol Sala  Autonómica Sur



Arealonga 5-1 Os do Val


Importante triunfo do Arealonga, moi necesaitado de puntos nesta liga, na recta final da primeira volta segue de colista. Na próxima xornada, 13 de xaneiro, protagonizarán o derbi local ante o Redondela Maramar en Redondela. Chegan os dous equipos locais como pechacancelas da táboa, en postos de descenso, empatados a puntos.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: