www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 22 de Xaneiro de 2018

AER solicita que Redondela recorra o transvase do Verdugo a Eiras
Política • 10/01/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A agrupación de electores solicita ao goberno que se sume ao recurso contra o transvasamento entre o río Verdugo e o encoro de Eiras. Lembran que no pasado pleno aprobouse unha moción en defensa do Verdugo e dos bancos marisqueiros no que se establecía entre outras cuestión que o Concello empregaría "os seus servizos xurídicos e tódolos mecanismos legais e administrativos existentes para defender os seus veciños e os seus sectores marisqueiros da agresión que suporía este transvase".


Explican dende AER que nestes días tiveron coñecemento dos recursos que presentarán os Concello de Ponte Caldelas e Soutomaior contra o texto do convenio interadministrativo que Concello de Vigo e a Xunta están negociando para executar as obras do transvasamento dende o río Verdugo ao tubo de abastecemento do sistema de Eiras-Oitavén.  Por este motivo veñen de solicitar por rexistro ao goberno local que se sume a este recurso en cumprimento do mandato do pleno.


Unha medida que reclaman para "parar esta desfeita que pretenden facer seguindo o tramite de emerxencia, o que supón que non se fará ningún informe sobre o impacto sobre o Verduxo e os bancos marisqueiros dos que viven arredor de 300 familias só no concello de Redondela, sen contar o resto dos concellos da ría".


Engaden que "unha seca que nin sequera motivou medidas de aforro serias, non se pode encadrar de ningunha maneira baixo o trámite de emerxencia" e conclúen afirmando que se esta medida "era unha barbaridade con Eiras ao 38% de capacidade, é directamente un insulto cando Eiras se atopa ao seu máximo de capacidade . Non hai emerxencia e non se pode aplicar este trámite de ningunha maneira".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: