www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Setembro de 2018

A Unión Europea recoñece a denominación Ribeiras do Morrazo que inclúe os viños de Redondela
Sociedade • 11/01/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O Diario Oficial da Unión Europea ven de recoñecer a indicación xeográfica protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo. O regulamento que ampara estes viños entrará en vigor dentro de vinte días, momento en que a nova indicación vitivinícola contará coa protección que lle outorga o ámbito europeo para todos os efectos. A medida aplicarase aos municipios de Marín, Bueu, Vilaboa, Moaña, Cangas, Pontevedra, Poio e Redondela. Conclúe con este trámite un longo proceso de anos, nos que a iniciativa dos adegueiros e colleiteiros desta comarca levaron a cabo todas as xestións e controis de calidade necesarios sobre esta actividade.


A Consellería do Medio Rural destacou que a posta en marcha desta nova marca «supón unha oportunidade para a modernización e ou crecemento do sector elaborador», porque o mercado do viño mira cada vez máis aos produtos de calidade certificados.


Baixo a indicación Ribeiras do Morrazo identifícanse caldos de variedades tanto brancas como tintas. A superficie potencialmente produtora de uvas para a IXP Ribeiras do Morrazo estímase entre mil e mil cincocentas hectáreas. A variedade de uva máis representativa neste ámbito é o albariño.


No oito municipios que forman parte desta indicación xeográfica protexida, a Xunta ten un censo de 25.414 viticultores, que contan con algo máis de 73.000 parcelas de viñedo, segundo revela o Rexistro Vitícola de Galicia.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: