www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 23 de Xuño de 2018

Nove locais de Redondela súmanse ao concurso de tapas da cociña do Pergamiño Vindel
Sociedade • 11/01/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A Consellería de Cultura organiza este concurso gastronómico vinculado ao feito histórico da presenza do Pergamiño Vindel en Vigo. Ademais dos obradoiros para escolares e propostas musicais, entre as actividades en paralelo atópase este concurso de tapas que ten como particularidade o feito de que todos os petiscos teñen que estar elaborados con ingredientes que se puideran atopar nas cociñas galegas no medievo. As tapas poderán degustarse nun total de 9 establecementos de Redondela dende o venres 12 ao domingo 21 e permitirá aos clientes que completen a ruta facerse con diferentes premios.


Os locais de hostalaría que se animaron a participar neste concurso ofertarán a partir deste venres día 12 uns petiscos elaborados con ingredientes que se puideran atopar nas cociñas galegas no medievo, é dicir, prescindindo de produtos como a pataca, pemento ou tomate que non cchegarían a Galicia ata a conquista de América. Esta particularidade levou aos participantes a recuperar produtos menos habituais actualmente como a castaña ou o millo miúdo nunha oferta gastronómica que se poderá degustar ata o domingo 21 a un prezo de 2,50 euros en horario de mañá de 12:00 a 14:00 horas e de tarde de 19:00 a 22:00 horas.


Unha proposta á que se sumaron os restaurantes Gastrobar, O Timón da Portela, Don Vinario, Os amigos, a Pizzería Bos Aires, a Tapería Vinoteca ou a Discotasca. Participan tamén da iniciativa os locais de Chapela, A Chabola e Restaurante Casa Rei.


Ademais dos premios aos que poderán acceder os clientes que completen a ruta, os hostaleiros competirán por facerse un oco na final do concurso que se celebrará no mes de marzo e no que estarán presentes os mellores petiscos elixidos en cada unha das localidades participantes do Vindetapas.


Os organizadores do evento, Elemental Chefs salientaban o traballo realizado polo hostaleiros participantes que "van participar nun concurso único, que só se vai facer nesta ocasión para conmemorar a presenza do Pergamiño Vindel en Galicia".


Un concurso presentado no Convento de Vilavella, "edificio que procede tamén do século XIII e que se vincula así temporalmente co Pergamiño Vindel" en palabras do seu xerente José Domingo González quen salientou que con estas iniciativas "non se trata de vender, senón de dinamizar a hostalaría".


Un evento que pon en valor "os bos produtos existentes en Redondela así como o excelente traballo dos chefs de cociña que traballan no noso concello" en palabras de Enrique Lago da Asociación de Empresarios.


Un "nivel gastronómico" ao que facía tamén referencia a Concelleira de Cultura e Turismo, Teresa París.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: