www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

Máis de mil sinaturas para esixir a Bas que negocie con Vigo unha solución para os usuarios do Vitrasa
Sociedade • 19/01/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Os afectados pola eliminación da tarxeta verde acordaron continuar coa recollida de sinaturas e trasladar ao pleno do concello unha moción para demandar ao alcalde de Redondela que negocie co seu homólogo en Vigo unha solución ante a inminente eliminacións das bonificacións aos usuarios do Vitrasa non empadroados nesa cidade. Malia as afirmacións dende o goberno local sobre a "incapacidade xurídica de Vigo para limitar ditas bonificación", en palabras da popular Carmen Amoedo, os veciños reclaman un compromiso do goberno e "que asuman o custe a maiores que terán que pagar os veciños de Redondela cando a eliminación das bonificación sexa efectiva".


A moción será debatida no pleno ordinario do vindeiro xoves logo de que os partidos políticos da oposición se comprometeran cos veciños a trasladar as súas demandas a este debate político. Explica o presidente da Asociación de Veciños, Marcial Pérez que o malestar é patente entre os usuarios do Vitrasa que non entenden que dende o goberno local non se estea a facer nada ante un problema inminente. "Estannos usando de arma para esixir a Vigo que se sume ao transporte da área metropolitana, non os interesas estas disputas, o único que queremos e que tanto uns como outros negocien e arranxen o problema".


Conclúe Marcial Pérez afirmando que "non nos fiamos das palabras da concelleira Carmen Amoedo, así que non podemos dar por válidas as declaración nas que asegura que Vigo non pode restrinxir as bonificacións no uso do Vitrasa. Queremos compromisos firmes de que o custe que nos vai supoñer o uso do transporte unha vez se elimine a tarxeta nos será devolto polo concello".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: