www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Outubro de 2018

Manifestación en Chapela para esixir a Fomento e Audasa que repoñan servizos e eliminen a peaxe
Sociedade • 22/01/2018
Autor: M. X. Queimaliños

As asociacións de veciños de Chapela e Teis convocan para o vindeiro sábado 27 ás 17:30 horas unha nova manifestación para reclamar do Ministerio de Fomento e Audasa a eliminación da peaxe en Redondela, a conversión do tramo da autoestrada dende as Torres de Padín ata o centro da cidade en vía urbana e a aplicación de medidas contra a contaminación acústica. Dende a Asociación de Chapela fan un chamamento a toda a cidadanía a saír a rúa e mobilizarse "contra os abusos da concesionaria e o Ministerio".


"Presionar é a única saída para lograr que Fomento e Audasa arranxen os problemas que ten Chapela, problemas que eles mesmos crearon estragando a parroquia coa ampliación da AP-9". Así o entende o presidente da Asociación de Veciños Marcial Pérez quen fai un chamamento aos residentes en Chapela e no resto de Redondela a acudir a mobilización do vindeiro sábado porque "unha das ddemandas é que se elimine a peaxe en Rande, que se abra un acceso e saída en Torres de Padín e que ese tramo se converta en urbano, o que suporía un beneficio e un aforro para todos os que acoden dende o noso concello a Vigo en vehículo privado e empregan a AP-9.


Acusa tanto a Concesionaria como a Fomento de non acometer as promesas feitas en Chapela sobre reposición de servizos ou a construción do novo colexio, e cualifica de mera propaganda os 11 millóns anunciados polo Ministerio xa que "non se trata de ningunha actuación de compensación ou mellora, só cartos para financiar a reparación do que eles mesmos estragaron coas obras". Critican que nesa partida se inclúen "cinco millóns para a construción do novo colexio cando se dixo que iso ía ir a cargo de Audasa". "E para maior indignación, trátase duns investimentos que nin sequera están aprobados".


A protesta sairá ás 17:30 horas dende o Centro de Saúde de Chapela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: