www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

A confraría de Redondela recupera 20.000 metros cadrados para o marsiqueo na Portela
Institucional • 31/01/2018
Autor: Ana Prieto

O pósito redondelán leva desde o ano 2009 recuperando zonas do litoral improductivas, rexenerándoas para facer nelas parques de cultivo de bibalvos. Neste tempo téñense recuperado un total de 200.000 metros cadrados na costa de Redondela, os últimos na Portela, onde se sementaron 2 millóns de crías de ameixa.


O investimento para rexenerar esta futura zona marisqueira contou cunha achega de 20.000 euros da Consellería do Mar, máis 15.000 euros achegados polas propias mariscadoras para mercar a semente, un total de 2 millóns de unidades de cría. O patrón maior da confraría, Clemente Bastos, explica que no prazo duns dous anos a cría de ameixa xapónica sementada na zona "estará en condicións de extraerse para a súa comercializació". Actualmente son 128 as mulleres que se dedican ao marisqueo no pósito de Redondela, 8 delas de recente incorporación, logo de cubrirse as xubilacións doutras tantas traballadoras. Salientou a importancia destes proxectos para seguir creando emprego no mar, e agradeceu a colaboración da Consellería do Mar neste eido.


A conselleira Rosa Quintana, que visitou esta mañán a zona, fixo fincapé na aposta do seu departamento por manter as zonas de marisqueo que son productivas "e mellorar e rexenerar aqueles bancos que deixaron de selo". Mellorar a productividade nestas zonas supón "recuperar a biodiversidade" do litoral e tamén os recursos naturais e económicos, "xa que permite incrementar o emprego no sector". Quintana agradecía tamén a colaboración do patrón maior de Redondela, e dos responsables das confrarías de toda Galicia, na tarefa de preservar e recuperar os recursos mariños. Desde o ano 2010 lévanse recuperados máis de 11 millóns de metros cadrados para bancos marisqueiros, logo dun investimento de 7 millóns de euros, xunto coas confrarías e asociacións profesionais. Quintana adiantou que a Xunta destinará este ano dous millons de euros para proxectos de rexeneración e acondicionamento mariño en 2018 e 2019. As axudas convocaranse nos vindeiros días e as confrarías poderán así contribuir de xeito sustentable "a mellorar a xestión e conservación dos recursos marisqueiros". Entre as prioridades da consellería está a recuperación e mellora dos hábitats mariños, co obxectivo de recuperar a súa biodiversidade, para o que a Xunta destinará 37 millóns de euros ata o ano 2020.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: