www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 26 de Agosto de 2019

Reclaman a convocatoria urxente do Consello Parroquial ante o vertido de Aucosa
Sociedade • 7/06/2010
Autor: M. X. Queimaliños

A Asociación de Veciños de Chapela presentou na mañá de hoxe no rexistro do concello a solicitude de celebración dun Consello parroquial extraordinario e urxente para "adoptar medidas que permitan controlar os vertidos reiterados procedentes de empresas e embarcacións".


Segundo explica a presidenta do Colectivo, Anxeles Méndez, teñen constancia da existencia de aló menos oito vertidos procedentes da empresa conserveira Aucosa, factoría sinalada dende Augas de Galicia como responsable do vertido de fuel que dende o pasado mércores mantén pechadas ao baño as praias de Teis e Chapela así como o polígono de bateas próximo á zona.


A asociación solicita ademais que se permita a asistencia ao Consello de un represéntate da Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón, para que presente a documentación da que dispoñen sobre este tipo de vertidos


No mesmo consello, os veciños reclamarán unha vez máis que se mellore a limpeza nos areais, xa que segundo denuncian a praia de Arealonga está chea de "cascallos, vidros e louza". O pasado sábado realizaron unha xornada de limpeza e retiraron en tan só uns minutos "máis de 100 quilos de lixo". Anuncian que realizaran este tipo de xornadas protesta de xeito quincenal mentres non se realice a limpeza de forma efectiva dende o Concello


Peche das bateas


As praias de Arealonga e Teis así como o polígono de bateas continuará pechado á espera de novas análises. Así  o confirmou a Conselleira do Mar, Rosa Quíntana, quen explicou que o peche cautelar do polígono de 42 bateas próximo á zona do vertido de carburante procedente da empresa conserveira Aucosa continuará aló menos ata o xoves á espera de coñecerse os resultados analíticos das mostras recollidas.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: