Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 18 de Agosto de 2018

Estudantes de premio
Institucional • 8/02/2018
Autor: Ana Prieto

O Concello de Redondela recoñeceu onte, cunha recepción no salón de plenos, a excelencia educativa de dúas alumnas do municipio: Laura Álvarez Antón, mellor expediente académico de Telecomunicacións, e Carla Luis Figueroa, premio á excelencia académica da Universidade de Vigo.


O alcalde de Redondela, Javier Bas, e a concelleira de Ensino, Ángela Antón, recibiron ás exalumnas do IES Pedro Floriani, Laura Álvarez e Carla Luís. A edil amosouse "orgullosa e satisfeita" polo éxito académico das dúas estudantes, e fixo fincapé no feito de que se trate de dúas mullere. Laura Álvarez, que rematou os seus estudos de Telecomunicacións como a primeira da súa promoción, amosou o seu agradecemento polo recoñecemento por parte do Concello. Xa está traballando, e confiou en que o seu éxito poida "animar a outras rapazas a estudar algunha enxeñería", xa que son carreiras nas que o alumnado feminino é minoría. No caso de Carla Luis, aínda acaba de comezar os seus estudos na universidade, logo de recibir un premio polo seu expediente en Bacharelato. Recoñece que aínda se está adaptando ao curso na Universidade de Vigo, onde realiza un dobre grao de Dereito e Administración de Empresas. Sinala que este tipo de recoñecementos son "a recompensa ao esforzo realizado nos anos de instituto". Os representantes municipais entregáronlles unha Coca de Sargadelos e un lote de libros. Javier Bas sinalou que xunto co recoñecemento polo seu éxito académico lles deixaba a encomenda de ser "embaixadoras de Redondela". No caso da enxeñeira en telecomunicacións Álvarez Antón, xa recibiu xunto cun grupo de compañeiras o recoñecemento á Innovación Social do concurso HackForGood de Telefónica. O premio chegoulles grazas á "app" HearMySign para comunicarse en lingua de signos.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: